xoves 2 de novembro de 2017

Alumnado e titulados de Comunicación Audiovisual integran o equipo técnico de ‘Generación Wifi’

Unha webserie na que aprender e traballar pola inclusión social

Dirixida por Julia Castro, chega a rede con versións con subtítulos, linguaxe de signos e audiodescrición

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“Lévome unha moi boa experiencia, na que aprendín moito”, recoñece a alumna de Comunicación Audiovisual Araceli Louro do seu labor como produtora de Generación Wifi, a webserie escrita e dirixida pola xornalista Julia Castro que, trala súa presentación no Teatro Principal o pasado 18 de outubro, estrease esta semana na rede con tres versións de cada un dos seus capítulos, aos que suman subtítulos, audiodescrición e interpretación en lingua de signos. “Foi unha decisión que tomamos cando comezamos, na televisión si podes dispor destes recursos, pero a web non é un novo mundo ao que o audiovisual está moi enfocado hoxe en día no que isto é algo que non hai e que críamos necesario”, salienta desta aposta por promover a inclusión desde o audiovisual a produtora dunha curta cuxo equipo técnico estaba integrado principalmente por alumnado desta titulación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Un proxecto que medrou na Facultade

Escrita e dirixida pola xornalista Julia Castro, esta webserie de tres capítulos que aborda con humor os “novos mandamentos da xeración do século XXI”, marcados pola “adicción ao móbil e a internet”, comezou a xestarse a mediados de 2016, cando a egresada da facultade e produtora Silvia Fuentes puxo en contacto a Castro con Louro, quen sumou a un bo número de compañeiros e compañeiras da titulación, parte deles hoxe xa titulados e tituladas, nun proxecto no que contaron tamén coa colaboración dunha facultade que serviu tamén como escenario para varias das escenas.

Así, os estudantes Pedro Tizón, como axudante de fotografía; Cristina Burgos, directora de arte; Jorge Castro, operador de cámara; Borja Crespo, axudante de produción; Sara Martínez, como encargada da montaxe e Ariadna Cordal, como responsable de making-off, pasaron a formar parte dun proxecto no que tamén traballaron os graduados Alejandro Rodríguez, axudante de dirección; Claudia Alonso, responsable do script; Lucía Braña, directora de fotografía; Iago Souto, segunda unidade de son en directo, e Alba Chaves como community manager. Moitos deles, estudantes que xa traballaran con Louro na webserie Prevenidos, xurdida do taller Celanova, plató de ficción, que dirixe o profesor Paulino Pérez.

“Ao comezo, o proxecto asustoume moito”, recoñece Louro da que era a súa primeira experiencia como produtora sen “o salvavidas” que supuña a súa vinculación co eido académico, “no que non tes que preocupar, por exemplo, de onde vas sacar os cartos”. De aí que incida en que “tes outra presión”, como por exemplo, “estar pendente de que todos quixesen participar no proxecto, que ninguén o fixese obrigado”, motivo polo que optou por rodearse de compañeiros e compañeiras que “tivesen tamén ese verme” por desenvolver un proxecto audiovisual. “Creo que o meu labor como produtora fallou en moitos aspectos, pero que grazas a iso aprendín”, recoñece dunha experiencia que lle serviu para “ver un pouco como é o mundo profesional ao que te queres dedicar”, como é no seu caso a produción. “Para min, producir é coller o soño, a idea de alguén, facelo meu e facelo posible”, sinala ao tempo que recoñece que, de xurdir a oportunidade de rodar unha segunda tempada de Generación Wifi, “teño claro que quero estar”.

Tres versións que eran necesarias

Abordar, desde humor, esa adición ás novas tecnoloxías, encarnadas na personaxe protagonista, Valeria, foi o punto de partida de tres capítulos que contrapuñan esa “obsesión” a tres personaxes “que achegan unha visión positiva” e representados por unha personaxe xorda, outra invidente e pola interpretada por un dos alumnos das clases de teatro que organiza Down Pontevedra, un dos colectivos que colaborou cun proxecto que tamén contou co apoio do Centro de Recursos Educativos da ONCE, do servizo profesional de intérpretes de lingua de signos Entresignos e Idendeaf (Produción e Formación Audiovisual en Lingua de Signos), así como da Pontevedra Film Comission. Grazas á implicación destes colectivos, recoñece Louro, “démonos conta de que tiñamos que facer esas tres versións”, de tal xeito que os subtítulos e a intérprete en lingua de signos a fixesen accesible para persoas con problemas de audición e a audiodescrición achegase aos capítulos a persoas con discapacidade visual.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal