venres 13 de abril de 2018

O centro acolle deste este venres un curso sobre o tratamento da síndrome da dor miofascial

Estudantes e profesionais afondan en Fisioterapia na detección dos puntos de orixe da dor

Coas súas 24 prazas cubertas, este seminario é impartido polo fisioterapeuta Guillermo Bilbao

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Aprender a detectar e actuar sobre os chamados puntos gatillo, as zonas de máxima tensión dun músculo que en ocasións son tamén o foco de orixe de diversas molestias no sistema musculo-esquelético, próximas ou non a ese punto, é o propósito central dun curso que desde a tarde deste venres reúne a 24 estudantes e profesionais na Facultade de Fisioterapia. Dirixido polo profesor Gustavo Rodríguez e impartido polo fisioterapeuta do Hospital do Salnés e profesor asociado de Ciencias da Saúde Guillermo Bilbao, o IV Curso sobre tratamento conservador da síndrome miofascial desenvólvese neste centro nas xornadas de venres, sábado e domingo e ten como obxectivos principais achegar aos e ás participantes os fundamentos, indicacións e contraindicacións da abordaxe manual destes puntos gatillo miofasciais.

Coas súas 24 prazas cubertas, tanto por alumnos e alumnas da facultade como por profesionais, este curso complementario pon o foco nos fundamentos científicos da síndrome da dor miofascial para logo abordar a detección e tratamento dos mesmos nos músculos clinicamente máis relevantes. De 20 horas lectivas, a cuarta edición deste seminario impulsado por primeira vez en 2014 responde, ao igual que outra serie de cursos impulsados por Rodríguez Fuentes, á demanda de formación específica por parte de estudantes ou titulados do centro, explica o seu director.

A importancia dunha correcta localización

Ao igual que noutro tipo de tratamentos empregados polos e polas profesionais da fisioterapia, na abordaxe conservadora, mediante técnicas manuais, destes puntos gatillo cobra especial relevancia “unha boa valoración e unha correcta localización”, que neste caso pasa, como explicaba nesta xornada Bilbao Ogando, por detectar a zona de maior tensión dentro da banda máis tensa do músculo. Por iso, no temario deste curso de carácter principalmente práctico, incídese “fundamentalmente nunha localización dos puntos gatillo”, engade Rodríguez Fuentes, para, a partires de aí, ir abordando a aplicación destas “técnicas manuais específicas para diminuír a súa influencia na patoloxía do paciente”.

“Digamos que mentres que as técnicas de tratamento son xenéricas, con algúns detalles específicos en función do punto gatillo do que se trate, a súa localización é moi concreta e específica”, engade nese senso o director do curso.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal