luns 9 de abril de 2018

Coordinada pola delegación de estudantes, arrinca cunha xornada dedicada a aproveitamentos forestais

A Semana Forestal concentra máis de 20 conferencias sobre temáticas propostas polo alumnado

Tituladas e titulados, expertos académicos e profesionais forman parte do panel de relatores

Eduardo Muñiz | Pontevedra

A Escola de Enxeñaría Forestal celebrará este xoves o día do seu patrón, San Leandro, unha xornada na que os relatorios se combinarán coas actuacións musicais e que servirá como colofón á Semana Forestal 2018, o ciclo de conferencias promovido pola delegación da alumnado do centro, co apoio da escola e da Vicerreitoría do campus, que botou a andar na mañá deste luns. Un total de 23 conferencias integran o programa dunha iniciativa na que, explican desde a organización, foi o propio alumnado o que propuxo unha serie de temáticas a abordar co propósito de que os diferentes coloquios servisen como complemento á súa formación.

Estruturada en tres xornadas, esta Semana Forestal arrincou cunha serie de conferencias centradas nos aproveitamentos forestais, “que é unha das ramas que xa nosa titulación, xunto coa de industria”, eixo do programa da xornada do martes, explica o representante da delegación Borja Fernández. “A idea da semana é complementar os coñecementos da carreira, darlle un enfoque distintos ás cousas que tratamos na titulación e coñecer tamén a experiencia de frente que está traballando no sector forestal”, engade Fernández dun ciclo que se completa o mércores cunha xornada dedicada á ecoloxía e para a que “o alumnado puido participar e propor temáticas, así como tamén o profesorado”. De feito, como explicou o director da EE Forestal, Juan Picos, na inauguración, “a xunta de escola acordou que esta semana a clase íase dar aquí e que os temas ían a ser os propostos pola delegación, o di moito do noso alumnado”.

Ampla presenza de profesionais formados na escola

Entre os e as conferenciantes, lembrou Picos, no acto inaugural, figuran nove titulados e tituladas no centro que na actualidade desenvolven o seu labor profesional en diferentes áreas, como é o caso de Pablo Martínez, responsable de actuacións forestais de Maderas Trigo, que este luns achegou ao alumnado ao día a día dunha empresa madeireira e á súa propia experiencia no paso do mundo académico ao profesional. “É un orgullo poder volver outra vez á escola”, recoñecía este egresado, que sucedeu na mañá deste luns á investigadora da Universidade de Santiago Rosa Mosquera, quen abordou nesta semana os beneficios dos sistemas agroforestais.

Práctica tradicional en Galicia, abandonada nos últimos anos “pola baixada de poboación no medio rural”, os sistemas nos que Mosquera centrou a súa intervención consisten na “integración dun cultivo leñoso cun produto agrícola”, ben nunha masa forestal, ben nunha zona aberta na que unha plantación se ve complementada, por exemplo, con sebes. “Trátase de sistemas recoñecidos pola FAO como sostibles e tamén como sistemas que permiten mitigar mellor que outras opcións o cambio climático”, salientou esta investigadora dunha integración que contribúe tamén ao aumento da bioversidade, “á reciclaxe de nutrientes” e á optimización de recursos, ao tempo que contribúe tamén “á prevención dos lumes forestais, xa que tes menos biomasa por unidade de superficie”.

A profesora da Facultade de Bioloxía Marisa Castro, que abordou o aproveitamento micolóxico dos montes, foi outra das conferenciantes convidadas este luns a unhas xornadas que abriu Indalecio Bastos, o presidente da Comunidade de Montes de Matamá, en Vigo, abordando a aposta desta comunidade polo bosque autóctono, como unha fonte de “de rendibilidade económica a longo prazo”, pero tamén de conservación do medio.

Un achegamento ao mundo profeisonal

O presidente do Clúster da Madeira de Galicia, Manuel Iglesias, será este martes o encargado de abrir a segunda xornada desta Semana Forestal, cun relatorio no que porá o acento, segundo explica Picos, no valor do deseño como un elemento de valor engadido para o sector e na súa interacción co mercado. Farao nun día no o sector profesional estará representado tamén por titulados do centro como Roberto Cabeceira, da empresa Xeométrica, Rosa Nieves Hermida ou Francisco Álvarez, de Ecowarm Galicia. O tamén titulado e actualmente profesor do centro Óscar González figura tamén entre os conferenciantes dunha xornada na que a investigadora da Universidade Lucía Díaz falará de tecnoloxías aeroespaciais.

Xa o mércores, a Semana Forestal completarase abordando cuestións como a fauna mariña ameazada, o Proxecto Life Oso Courel, os efectos das prácticas agrícolas sobre a biodiversidade no noroeste da península, os efectos ecolóxicos do lume ou o cooperativismo agrario. Entre os conferenciantes desta terceira xornada figuran tamén Xabier Vázquez, da Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico ou o xefe de sección da Junta de Castilla y León Froilán Sevilla, quen presentará o seu libro Una teoría ecológica para los montes ibéricos.


Así mesmo, as conferencias continuarán na propia xornada de San Leandro, na que as actuacións musicais previstas para a partires das 17.00 horas se veranse precedidas de dous novos coloquios, promovidos tamén pola delegación de estudantes, a cargo de representantes da plataforma veciñal oposta á creación dunha mina no concello de Touro e do presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal