xoves 8 de febreiro de 2018

Alejandro Cardesín ofreceu este xoves unha conferencia sobre a exploración planetaria

De Galicia a Marte e máis alá

A súa intervención abre o Foro Aero deste cuadrimestre

Rosa Tedín | Ourense

De Galicia a Marte e máis alá: explorando o sistema solar coa European Space Agency (ESA). Este título foi o escollido por Alejandro Cardesín, enxeñeiro da ESA titulado en Telecomunicación pola Universidade de Vigo, para ofrecer este xoves unha conferencia no campus de Ourense. Coa súa intervención deu inicio o ciclo de conferencias Foro Aero deste cuadrimestre, iniciativa organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

O Foro Aero, explica Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, naceu o pasado curso co obxectivo de ofrecer ao alumnado do centro a oportunidade de escoitar a profesionais de diversos sectores afondar na actividade aeroespacial, achegándolle diferentes perspectivas profesionais. A idea de pór en marcha esta iniciativa, engade, xurdiu co obxectivo de permitir ao alumnado ter contacto co sector desde o primeiro curso. “Agora xa é o propio alumnado o que nos pregunta cando van a comezar as conferencias”, comenta Formella sobre a boa acollida que ten esta actividade entre os estudantes da titulación.

Non é ciencia ficción

Durante a súa intervención Alejandro Cardesín, doutor en Ciencias e Tecnoloxía Aeroespacial pola Universidade de Padua, en Italia, fixo partícipe ao alumnado asistente da súa traxectoria de arredor de 13 anos na European Space Agency e da súa paixón por traballar nos proxectos de exploración planetaria. Esa traxectoria, lembrou, iniciouse cando por unha serie de casualidades foi realizar o seu proxecto fin de carreira á ESA en Holanda e alí comezou a desenvolver o seu traballo no eido aeroespacial. En 2008 incorporouse á ESA en Madrid e desde entón participou e participa en diferentes misións de exploración planetaria. Entre elas están Rosetta, unha sonda enviada a un cometa; Venus Express, a primeira misión da ESA ao planeta Venus, e as misións a Marte Mars Express, a primeira misión interplanetaria europea, e a próxima misión ExoMars, que buscará vida nese planeta. “Parece ciencia ficción pero non o é e os estudantes que hoxe están nesta escola pode formar parte no futuro dese soño”, destacou o enxeñeiro.

O seu traballo nestes proxectos, apuntou, foi evolucionando cos anos. “Primeiro empecei como enxeñeiro puro, de telecomunicación e informática, pero logo movinme para un lado máis científico tralo doutoramento. Agora estou no medio, en operacións científicas, que é a interface entre os enxeñeiros e os científicos. Falar estes dous idiomas e traballar con ambas partes o que che permite é ter unha visión global de toda a misión, algo moi interesante”, explicou Alejandro Cardesín. Do seu traballo tamén destacou como permite traballar na coordinación de proxectos internacionais, que implican a expertos de todo tipo de áreas “sen os cales non poderíamos facer realidade estes proxectos”.

Alejandro Cardesín volveu este xoves á Universidade de Vigo para falar na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo posta en marcha o curso pasado. “Estou encantado de que en Galicia teñamos unha escola deste tipo. Xa hai unha tradición de moitos enxeñeiros galegos en Alemaña, Holanda e Madrid traballando en misións, xente que abriu o camiño, e creación desta escola supón dar un paso máis”, apuntou o enxeñeiro, que lembrou como cando el chegou a Holanda atopouse traballando na ESA a máis dunha vintena de galegos, situación que se repetiría logo en Madrid.

Continuará

As conferencias do Foro Aero continuarán ao longo do cuadrimestre, cunha periodicidade aproximada dunha conferencia por mes. Tendo en conta que o vindeiro curso académico xa se impartirá o terceiro curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial e que nel o alumnado xa terá que escoller entre a especialización en Aeronaves ou en Equipos e Materiais Aeroespaciais, entre as conferencias que se levarán a cabo haberá dúas centradas en cada unha destas mencións co obxectivo de orientar aos estudantes na súa escolla.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal