xoves 11 de xaneiro de 2018

O ciclo retómase o día 25 coa conferencia de Pilar Lorenzo sobre as cantigas de amigo

Tres relatorios sobre lírica, mecenado e onomástica medieval para pechar 'Os xoves do Vindel'

A actividade finalizará o 22 de febreiro coa intervención de Xabier Ron

Duvi | Vigo

Tralo parón de Nadal, a programación cultural organizada pola Universidade co gallo da estadía do Pergamiño Vindel na cidade recupera o pulso cunha nova entrega de Os xoves do Vindel, o ciclo de conferencias no que expertas e expertos en diferentes ámbitos do coñecemento abordan distintas cuestións relacionadas co manuscrito medieval. Os últimos relatorios do ciclo irán da man de tres especialistas en literatura galega medieval: Pilar Lorenzo, docente na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Mariño, tamén profesor nese centro, e Xosé Xabier Ron, docente no IES de Ames. As conferencias continuarán a desenvolverse no centro de visitantes do Edificio Cambón, situado no casco vello de Vigo, o 25 de xaneiro, o 8 e o 22 de febreiro, respectivamente.

Chegado o ecuador do ciclo, Alexandre Rodríguez, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade e secretario do comité organizador da actividade, destaca “tanto a calidade das intervencións como o interese espertado nas persoas asistentes”. Así mesmo, o docente valora de xeito moi positivo a notable afluencia de público ás pasadas conferencias, e afirma que “quen asistiu non quedou defraudado, e tampouco se decepcionará quen asista aos relatorios que aínda faltan”.

Despois das conferencias que tiveron lugar os meses de outubro, novembro e decembro a cargo do profesor Anselmo López, do xornalista Ceferino de Blas e do musicólogo Paulo Gonçalves, este ciclo despedirase con outras tres intervencións sobre o contexto socioeconómico e literario no que se insire a obra de Martin Codax. Pilar Lorenzo, profesora de filoloxía da USC, falará o 25 de xaneiro das Cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea. A seguinte conferencia será o 8 de febreiro da man de Ramón Mariño, profesor da mesma facultade e membro do Instituto da Lingua Galega, cun relatorio titulado Literatura galega e mecenado na Idade Media. O ciclo concluirá o 22 de febreiro coa intervención de Xosé Xabier Ron, profesor do IES de Ames, que falará sobre Martin Codax: o nome. Onomástica na lírica trobadoresca.

Unha viaxe trobadoresca para difundir o pergamiño

Ademais do ciclo de conferencias, a Universidade desenvolveu nos últimos meses diferentes actividades para divulgar a presenza do pergamiño en Vigo e animar ao público xeral a visitalo. De todas elas, destaca a interpretación dun cantar de cego da man de Luis Correa O Caruncho e Chus Iglesias, que nos últimos meses percorreron un total de 22 vilas galegas levando consigo o espírito trobadoresco das cantigas e achegando a obra de Martin Codax a toda Galicia.

Nesta representación, os dous actores interpretaban tres pezas: o propio cantar de cego do repertorio de Correa; un romance sobre o pergamiño composto para a ocasión e a sétima cantiga do manuscrito musicada. Para o músico e regueifeiro, a valoración da experiencia foi positiva, pois considera que exerceron “de anunciantes da exposición, integrando á xente no mundo das feiras e no que facían os cegos trobadores”. Con esta iniciativa, pretendeuse que as persoas interesadas sigan acudindo ao Museo do Mar para contemplar o pergamiño, que durante dous meses máis permanecerá xunto ás mesmas augas que inspiraron ao seu autor hai 800 anos.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal