xoves 21 de decembro de 2017

O obradoiro de introdución á lingua e cultura coreana continuará, tras estrearse este curso

Xa está aberta a matrícula para os cursos do segundo cuadrimestre do Centro de Linguas

Duvi | Vigo

Sete idiomas conforman a oferta de cursos do segundo cuadrimestre do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, unha proposta formativa á que se engaden exames de acreditación de inglés e francés CertAcles, así como unha proba de acceso libre francés B2. Tras estrearse como principal novidade da oferta do primeiro cuadrimestre do curso 2017-2018, neste segundo, o obradoiro de introdución á lingua e cultura coreana continúa cunha segunda parte destinada a un alumnado maior de 16 de anos con coñecementos previos da lingua. Neste obradoiro, que se impartirá no campus de Vigo, e para o que matrícula está aberta ata o 23 de xaneiro, as e os asistentes achegaranse ao idioma e cultura coreana a través dunha aprendizaxe baseada en exemplos reais e situacións cotiás.

O resto da oferta do Centro de Linguas para o segundo cuadrimestre complétase con cursos de diferentes niveis de alemán, español para persoas estranxeiras, francés, inglés, portugués e persa. Este último curso de introdución á lingua e cultura está destinado a persoas interesadas en aprender o persa, a través dun programa no que traballarán cuestións como os saúdos e presentacións, a localización de persoas e lugares, afirmacións e negacións, ademais de aprender o alfabeto persa ou a pronuncia de vogais e consonantes e iniciarse na caligrafía. As persoas interesadas neste curso, que se impartirá no campus vigués, poderán matricularse ata o 7 de febreiro e comezarán as clases unha semana máis tarde.

Ampla oferta de cursos de inglés e español para persoas estranxeiras

Para atender a gran demanda de cursos de inglés e de español para persoas estranxeiras que cada ano se rexistra, o Centro de Linguas tamén programou para o segundo cuadrimestre unha ampla oferta formativa que abarca os tres campus. Así, no caso de Ourense, desenvolveranse tres cursos dos niveis A2, B1 e B2, respectivamente, mentres que en Pontevedra terá lugar un curso de nivel A1 e outro de B1. Pola súa banda, no campus vigués programáronse para o segundo cuadrimestre 14 cursos, que van do nivel A2 ao C1 e aos que se engade un de conversa de nivel intermedio.

No caso dos cursos de español para persoas estranxeiras, a oferta inclúe formación de diferentes niveis nos tres campus, concretamente A1,A2 e B1 en Ourense e Pontevedra e cursos dos niveis que van do A1 ao C1 en Vigo, aos que se engade un intensivo de A1 que se desenvolverá entre os días 11 ao 24 de xaneiro.

Outras linguas e exames de acreditación CertAcles

Un curso semipresencial de nivel A1 e outro presencial de nivel A2, conforman a oferta formativa en alemán para o segundo cuadrimestre no campus de Vigo, que tamén acollerá un curso de francés de nivel A1 e outro de portugués de nivel A2. En canto aos exames de acreditación CertAcles, equivalentes a outras acreditacións existentes como as emitidas por Cambridge ou TOEFL e que está recoñecida por todo o sistema universitario europeo, o de francés, nivel B1, terá lugar o 17 de xaneiro no campus de Vigo, mentres que os de inglés, terán lugar, o de B1 o 12 de xaneiro e o B2 o día 11 en Ourense e Pontevedra, respectivamente; mentres que en Vigo repetiranse as datas e niveis dos outros dous campus, mentres que o C1 terá lugar o 10 de xaneiro. A estes exames engádese outro de acceso libre de francés B2 que terá lugar o 15 de xaneiro.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal