martes 19 de decembro de 2017

A asociación Asaexs promoveu un coloquio sobre 'big data' e datos persoais na Casa das Campás

O alumnado sénior conciénciase do valor de protexer os seus datos na rede

A actividade contou coas intervencións do profesor Celso Cancela e do consultor Gregorio Andión

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Concienciar respecto da necesidade de adoptar “actitudes preventivas que eviten o mal uso ou o uso indebido de datos persoais” e contribuír así a fomentar unha certa “cultura de protección de datos” nuns tempos nos que a presenza de información de todo tipo na rede “trouxo consigo unha nova problemática que afecta á confidencial idade e á privacidade individual”. Este era, como sinala José María Fernández, presidente da asociación de alumnado sénior do campus, Asaexs, o propósito central da actividade que, coa colaboración da Vicerreitoría, este colectivo promoveu este martes na Casa das Campás. O profesor da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade Celso Cancela e o consultor público Gregorio Andión foron os protagonistas dun coloquio dirixido a achegar ás persoas asistentes as ferramentas normativas existentes para xestionar a súa información persoal.

Nese senso, Fernández lembra que, na actualidade, boa parte das relacións coas administracións, con empresas ou mesmo privadas realízanse a través de internet, o que “para moitas persoas maiores supón un gran esforzo”, o que fai necesarias actividades como esta, máxime cando a Federación Galega de Asociacións Séniors (Fegaus), á que pertence Asaexs, participa en varios proxectos relacionados coas TIC e os maiores, como a plataforma Ágora ou o proxecto europeo Simplifying the interaction with public administration through information technology for citizens and companies.

Un novo marco normativo

Con ese obxectivo de concienciar e sensibilizar e partindo da idea de que “o big data non é obviamente o único que afecta á protección de datos”, Cancela centrou a súa intervención en pór de relevo que “non somos conscientes” da importancia e do uso que se poden facer de datos tan sinxelos como un código postal, “que nunha grande cidade supón proporcionar información do teu perfil socioeconómico”. Mais tamén para incidir en que, lonxe de “visións paranoicas”, un elemento clave é a compoñente ética, “o uso que se vai facer desde datos, que se poden empregar tanto para programas sanitarios e na educación como para ciberdelincuencia”.

Unha vez abordado un marco xeral, que abrangueu desde as políticas de cookies que se aceptan sen ler á idea de “herdanza dixital”, de que acontece coas contas e publicacións dunha persoa unha vez falece, Andión enmarcou este panorama na lexislación sobre de protección de datos de carácter persoal. Nese senso, este consultor e titulado en Dirección e Xestión Pública abordou o cambio normativo que vai supor, en maio de 2018, a entrada en vigor dun regulamento comunitario que “supón un cambio substancial respecto da actual lei orgánica, hai máis obrigas para as empresas e máis dereitos para os cidadáns”. Esta normativa, explicou Andión, suporá, por exemplo, que o dereito ao esquecemento poida tramitarse directamente a través a axencia de protección de datos, ao tempo que permitirá unha "homoxeneización" normativa no seo da UE, xa que ata o de agora “era moi fácil que unha empresa tivese o seu domicilio social nun estado membro no que a lexislación fora máis permivisa”.

Dous días de debate co foco na rede

Este coloquio sobre o big data viuse precedido, na noite deste luns, polo encontro que Asaexs e o Programa Universitario para Maiores promoveron na Casa das Campás co obxectivo de amosar como, a través da rede, pode accederse a cultura universal empregando o idioma galego. Con ese propósito, o coloquio contou coa participación do filólogo e docente Anxo González Guerra, coordinador, xunto a Vitoria Ogando de ogalego.eu, unha web que reúne diferentes ferramentas para a aprendizaxe en galego; e coa participación tamén de Adrián Estévez, administrador da Galipedia, a versión en lingua galega da enciclopedia colaborativa Wikipedia.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal