venres 15 de decembro de 2017

Unhas xornadas afondaron este xoves e venres no seu coñecemento e valorización

A arte rupestre, sinal de identidade pero tamén patrimonio cultural

A cita estivo organizada polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio

Duvi | Ourense

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat da Universidade de Vigo celebrou este xoves e venres na Facultade de Historia do campus de Ourense, o ciclo de conferencias No Limiar das Artes. Encrucillada de Tradicións Rupestres. A xornada tivo como obxectivo pór en valor “a extraordinaria abundancia e calidade da arte rupestre galaica” como unha parte da memoria histórica, de sinal de identidade, pero tamén como parte do patrimonio material. Para facelo contou coa participación de investigadores e investigadoras de diferentes universidades tanto estatais como lusas. 

Na primeira sesión das xornadas abordáronse temas de arte atlántica relacionados coa cronoloxía e a iconografía, contando con conferencias de Lara Bacelar, Israel Barandela e Ladislao Castro sobre a interpretación narrativa dos cervos na arte rupestre galaica, as aproximacións cronolóxicas dende a estratigrafía horizontal e a iconografía e cronoloxía da arte atlántica. No segundo día de actividade do ciclo abordáronse cuestións vencelladas a diferentes manifestacións da arte ou artes esquemáticas, con conferencias de Feliciano Cadierno, Manuel Santos e Beatriz Comendador sobre aspectos como a arte rupestre pospaleolítica no Bierzo, o noroeste peninsular como encrucillada de tradicións rupestres e a arte esquemática atlántica. Por último, desenvolveuse unha sesión de rexistro, conservación, defensa e divulgación do patrimonio arqueolóxico rupestre con intervencións de José Luis Galovart, Antón Bouzas, do Colectivo a Rula, e Fernando Carrera sobre arqueoastronomía, a protección ecolóxica do patrimonio no monte como oportunidade para a multifuncionalidade produtiva, social e ecosistémica do territorio e as liñas estratéxicas para a protección da arte prehistórica en Galicia.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal