xoves 14 de decembro de 2017

O músico e musicólogo Paulo Gonçalves interveu nos Xoves do Vindel

Certezas e conxecturas sobre a música das cantigas de Martin Codax

Abordou a práctica interpretativa da música dos trobeiros

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

A música dos trovadores. Aspectos da práctica interpretativa: certezas e conjecturas. Baixo este título o músico e musicólogo portugués Paulo Gonçalves ofreceu hoxe ao abeiro do ciclo Os xoves do Vindel, un relatorio no que abordou a realización práctica actual da música lírica trobadoresca galega medieval, nomeadamente a parte profana. “Este corpus lírico profano está, na súa dimensión literaria, composto por máis de 1600 cantigas, mais a parte conservada con música son só seis cantigas de amigo de Martin Codax e seis cantigas de amor de D. Dinis”, destaca Gonçalves, que incidiu na súa intervención nas escasas certezas que sobre a súa interpretación se derivan dun repertorio de hai 800 anos.

“Cuestións como a participación dos instrumentos con a voz; o ritmo exacto dalgunhas partes da notación, sistemas de afinación ou temperamento e outros, permanecen aínda con maior ou menor escuridade. Mais no momento de executar as músicas hoxe en día, para poder facer ‘aparecer’ unha realidade sonora, é preciso tomar decisións sobre os elementos dubidosos”, explica o musicólogo, en referencia á parte conxectural á que ten que enfrontarse a ou o intérprete deste repertorio. O feito de ser as únicas cantigas de amigo con notación musical que, polo que se coñece, sería propio de toda a lírica trobadoresca, coloca, segundo Gonçalves a Martin Codax, “para ben ou para mal”, nunha posición de preeminencia.

“As dúbidas que permanecen teñen que ver coa relación música/texto ou coa posible ou non extrapolación das características das cantigas codicianas a outras”, explica o musico luso, que se pregunta por cuestións como se a brevidade das frases musicais sería característico das cantigas de amigo ou só representativo destas cantigas de Codax, ou se ten algo que ver o feito de seren paralelísticas e con refrán, coa estrutura musical ou mesmo se sería máis complexa a musica das cantigas con estrofas máis extensas e con maior número de estrofas. “Estas e outras dúbidas quedan, polo de agora, sen resposta certa”, afirma Paulo Gonçalves, que tamén apunta que a notación das cantigas codicianas abre unha vía a unha posible existencia dunha escola notacional galega ou galego-portuguesa da época, no sentido de que certos neumas non teñen semellante nas prácticas notacionais francesas do momento e semellan ser pre-franconianas (anteriores a Franco da Cologna).

Os aspectos máis relevantes da música das cantigas de Codax

Ademais de ser as únicas cantigas de amigo que chegaron á actualidade con música, Paulo Gonçalves destaca outros aspectos da parte musical da obra de Martin Codax, en especial a relación íntima entre contido musical e literario. “O carácter prosódico da primeira cantiga, o carácter case de danza da segunda,... provocan una unión interesante que resulta nunhas obras, nunhas micro-obras, moi coherentes. De feito, aquelas persoas que defenden que as sete cantigas forman un ciclo, un relato, poden ter aquí, na estrutura musical resultante da suma de todas, as seis, un apoio. Sexa como fose, é perfectamente posible que sexan autónomas, claro”, explica o músico e musicólogo.

A intervención de Gonçalves pechou Os xoves do Vindel do ano 2017. A actividade regresará o 25 e xaneiro con As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea a cargo da docente da Universidade de Santiago Pilar Lorenzo Gradín.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal