mércores 13 de decembro de 2017

A cita será o sábado 16 de decembro no Edificio Politécnico do campus

Enxeñaría Informática celebrará a Hora do Código con obradoiros tecnolóxicos para rapaces e rapazas

En total ofértanse de balde 300 prazas para participar

Rosa Tedín | Ourense

Por terceiro ano consecutivo a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense únese á celebración da Hora do Código, unha iniciativa internacional que ten coma obxectivo ensinarlle a nenos e nenas programación e coñecementos básicos de informática. Coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o centro organizará o sábado 16 de decembro sete obradoiros gratuítos relacionados coa programación e a tecnoloxía nos que poderán participar 300 rapaces e rapazas de 6 e 18 anos de idade.

Alma Gómez, subdirectora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, foron os encargados de presentar este mércores a programación que se desenvolverá no campus de Ourense, cuxa matrícula xa está aberta. Durante a súa intervención, Fernando Suárez lembrou como a Hora do Código “é unha iniciativa de carácter mundial que pretende introducir aos nenos e nenas no pensamento computacional” coa idea de que “empecen a coñecer ferramentas que na actualidade teñen á súa disposición practicamente desde que nace”. Pola súa banda, Alma Gómez animou aos cativos e cativas a participar nos talleres, que teñen un enfoque fundamentalmente práctico e divulgativo. Especialmente fixo fincapé na necesidade de que as rapazas se animen a participar, apuntando como na celebración da Hora do Código no campus se levará a cabo un obradoiro específico titulado Rapazas nas TIC “atendendo á preocupación que temos tanto no colexio como nesta escola pola baixa implicación das mulleres no eido tecnolóxico”.

De Minecraft aos drones

As actividades previstas no campus de Ourense desenvolveranse coa participación de voluntarios do colexio profesional e da escola universitaria en horario de mañá, participando os rapaces e rapazas en grupos de 15 persoas, podendo asistir nais e pais. Entre os obradoiros previstos están talleres de iniciación á programación, no que en sesións dunha hora e media de duración os participantes poden aprender a programar con xogos de Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen, e de iniciación á programación con Scratch. Tamén haberá un taller de robótica no que os participantes se familiarizarán coa programación de dispositivos con Arduino.

O taller Outra vida do hardware consistirá en sesións de hora e media na que rapaces e rapazas de 8 e os 12 anos poderán facer distintas manualidades con pezas hardware. Pola súa banda, Coñece a impresión en 3D, recomendado para o tramo de 6 a 18 anos, ofrecerá sesións dunha hora nas que aprender como facer pezas e traballar con impresoras 3D. Os drones serán os protagonistas tamén dun obradoiro de hora e media na que rapaces e rapazas de 6 a 18 anos poderán ver e aprender como funcionan estes aparellos, desde os de xoguete ata os profesionais, e velos voar.

A programación da Hora do Código na Escola Superior de Enxeñaría Informática tamén inclúe o obradoiro Crea o teu mundo - Realidade Virtual, consistente en sesións de hora e media, recomendadas para o tramo de 14 a 18 anos, onde os participantes poderán crear o seu propio mundo virtual e navegar por el con gafas de realidade virtual. Por último, tamén haberá un taller titulado Rapazas nas TICs, de iniciación á programación de dispositivos. Será un única sesión de tres horas de duración destinada a rapazas de Bacharelato ou ciclos superiores de formación profesional de idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos.

Evento internacional

A Hora do Código, lembraron este mércores na rolda de prensa, está promovida desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución ás ciencias da computación deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal