martes 5 de decembro de 2017

O ex-director da TVG Suso Iglesias protagonizou un coloquio en CCSS e da Comunicación

No desenvolvemento de formatos televisivos, non todo é creatividade

Este profesional da produción sinalou a identificación dos públicos como un aspecto fundamental

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Profesional do audiovisual desde a década de 1980, o que fora director da Televisión de Galicia entre 2005 e 2009, Xesús Iglesias, ten traballado na dirección, produción ou no guión de moitos tipos de contidos televisivos ao longo da súa traxectoria. De aí que unha das mensaxes que trasladou no coloquio que este martes mantivo co alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación fose a de que “identificar os espectadores” aos que dirixe ou pretende dirixirse un determinado contido é un aspecto fundamental para o seu éxito. “Ás veces a xente pensa que a televisión é só un mundo de creatividade e iso é un pouco inxenuo”, salientou o conferenciante.

Nun coloquio promovido polo profesor Alfonso Sola no marco das actividades que completan a materia Políticas públicas do audiovisual, do grao en Comunicación Audiovisual, Suso Iglesias incidiu en que, polo xeral, tanto á hora de crear novos formatos como a de adaptar produtos que xa funcionan noutros países, “o que tes que pensar inicialmente é quen queres que o vexa ou quen pensas que o vai ver”. Xornalista e profesional cunha ampla traxectoria na TVG, “onde foi o alma mater do Xabarín Club”, como recordou Sola, este profesional, que actualmente desenvolve labores de produción e dirección na Produtora Faro é que é responsable tamén de Suido Producións exemplificou esta situación nunha das adaptacións realizadas na súa etapa á fronte da TVG. “Tratábase dun programa da televisión catalana, Caçadors de bolets, que tivera un éxito brutal, porque alí hai unha afección enorme a ir buscar setas e dicíannos que era imposible adaptalo, que iso era único no mundo”, explica Iglesias dun formato que, en Galicia, pasou de centrarse nas setas a facelo na pesca recretativa. “Chamouse Hai que mollarse e funcionou dun xeito espectacular, cun nicho de público seguro, que xa tes localizado”, relatou.

O importante é a información

Nun coloquio que, como recoñece, supón “unha oportunidade de facer unha pequena reflexión sobre o que estás facendo”, Iglesias abordou desde os seus inicios no mundo da televisión a un panorama marcado na actualidade por “unha realidade tecnolóxica que está permanentemente introducindo novidades”. Unha época na que, sinala, as posibilidades de información “son tan grandes que o difícil é separar o gran da palla”, o que obriga a “ter o teu camiño claro”. Nese senso e en relación ao mundo dos formatos televisivos, “no que hai moitas fantasías e intereses creados”, fixo incidencia en dúas vías diferentes, a da creatividade propia “que é a máis arriscada hoxe en día”, e a da adaptación de produtos “que xa están testados noutras partes do mundo” o que supón, como recoñece, “unha seguridade” para os programadores. Neste punto, Iglesias puxo de relevo a importancia de "facer ben esa adaptación", o que obriga, por unha banda, “a ter moi boa información do que se fai no mundo, a coñecer o mercado e as tendencias", pero tamén a ser consciente das características de cada territorio, “sobre todo nas televisións de proximidade, nas que a clave local é moi importante”.

“Todos somos espectadores e podemos caer na confusión de pensar que algo que parece moi sinxelo cando o ves pola televisión é tamén fácil de facer”, engadiu Iglesias, quen abordou co alumnado cuestións sobre “como se pensa un formato, a necesidade de contar historias e como se poden contar”, pero tamén sobre a importancia do márketing, “de crear unha marca” asociada aos produtos audiovisuais, sempre, como indica, “desde o punto de vista da miña experiencia”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal