martes 5 de decembro de 2017

A cita será na Facultade de Historia os días 14 e 15 de decembro

Unhas xornadas afondarán na valorización da arte rupestre galaica

Coa participación de persoal investigador luso e doutras comunidades autónomas

Duvi | Ourense

“A extraordinaria abundancia e calidade da arte rupestre galaica suscita a necesidade de estudala, interpretala, conservala e divulgala como unha parte sobranceira da nosa memoria histórica e do noso patrimonio material”. Con esta premisa, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Geaat da Universidade de Vigo organiza os días 14 e 15 de decembro, na Facultade de Historia do campus de Ourense, o ciclo de conferencias No Limiar das Artes. Encrucillada de Tradicións Rupestres.

A idea de pór en marcha esta iniciativa, explican os seus promotores, Ladislao Castro e Beatriz Comendador, da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo, xorde tendo en conta que “a arte rupestre galaica é un ben patrimonial de grande importancia e, pola súa orixinalidade, un sinal de identidade de primeira entidade no ámbito do noroeste”. A súa importancia estratéxica como recurso patrimonial, engaden, é especialmente interesante nas áreas interiores, onde se establece o encontro entre diferentes manifestacións de estilos artísticos rupestres, compartidos nunha área transfronteiriza. Tendo en conta esta relevancia, destacan como “o potencial da provincia de Ourense para as manifestacións de arte rupestre está aínda pouco estudado e valorado”.

Unha visión de conxunto

A cita, que conta con financiamento do Servizo de Apoio á Investigación e Desenvolvemento da Universidade de Vigo e da Facultade de Historia, afondará no patrimonio galego neste eido pero en relación co contexto no que se ubica. Deste xeito, a xornada reunirá a persoal investigador “de diferentes ámbitos xeográficos para contrastar os recursos patrimoniais dos vales fluviais interiores da área interior do noroeste da península ibérica como unha forma máis e coñecer e valorar estes recursos patrimoniais e de establecer modelos de viabilidade para a difusión e conservación do patrimonio cultural e natural no ámbito do desenvolvemento económico sostible”. “Na nosa perspectiva de estudo e defensa do noso patrimonio arqueolóxico rupestre, semella coherente reforzar a comunicación e coordinación con Portugal así como as comunidades limítrofes (Asturias, León e Zamora), que tamén posúen manifestacións de valor análogo”, subliñan os coordinadores do ciclo.

Na primeira sesión das xornadas abordaranse temas de arte atlántica relacionados coa cronoloxía e a iconografía, contando con conferencias de Lara Bacelar, Israel Barandela e Ladislao Castro sobre a interpretación narrativa dos cervos na arte rupestre galaica, as aproximacións cronolóxicas dende a estratigrafía horizontal e a iconografía e cronoloxía da arte atlántica. No segundo día de actividade do ciclo abordaranse cuestións vencelladas a diferentes manifestacións da arte ou artes esquemáticas, con conferencias de Feliciano Cadierno, Manuel Santos e Beatriz Comendador sobre aspectos como a arte rupestre pospaleolítica no Bierzo, o noroeste peninsular como encrucillada de tradicións rupestres e a arte esquemática atlántica. Por último, desenvolverase unha sesión de rexistro, conservación, defensa e divulgación do patrimonio arqueolóxico rupestre con intervencións de José Luis Galovart, Antón Bouzas, do Colectivo a Rula, e Fernando Carrera sobre arqueoastronomía, a protección ecolóxica do patrimonio no monte como oportunidade para a multifuncionalidade produtiva, social e ecosistémica do territorio e as liñas estratéxicas para a protección da arte prehistórica en Galicia.

As xornadas están abertas a toda a comunidade universitaria, tanto alumnado como persoal docente e investigador, así como ao público en xeral interesado en temáticas relacionadas co patrimonio histórico e arqueolóxico. “O ciclo resulta de interese para todos aqueles colectivos relacionados coa innovación turística e o patrimonio cultural, especialmente os relacionados con áreas de interese estratéxico no desenvolvemento do turismo de interior na provincia de Ourense e áreas raianas”, engaden desde a organización.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal