luns 4 de decembro de 2017

Once conferencias e comunicacións integran o programa do evento que se desenvolve en Pontevedra

As II Xornadas Internacionais José Saramago revisan a obra do escritor luso desde unha óptica multidisciplinar

Complétanse coa presentación de videoxogos e animacións feitos polo alumnado e inspirados nas súas obras

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“Saramago sabía que, na súa tarefa de representar a realidade, a literatura non pode prescindir das outras artes, que a completan e lle confiren unha maior amplitude e transcendencia”. Con estas verbas presentaba o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución e director da Cátedra Internacional José Saramago, Burghard Baltrusch, a segunda edición das xornadas internacionais que a institución académica dedica ao Nobel portugués, que hoxe luns e mañá martes se desenvolven no campus de Pontevedra. Dirixidas ao estudo e divulgación da obra do escritor luso, estas II Xornadas Internacionais José Saramago: Comunicación, Arte e Política combinan con ese propósito unha serie de once conferencias e comunicacións coa presentación na Casa das Campás dos traballos de animación realizados polo alumnado de Belas Artes inspirándose en dúas das súas obras, xunto cos primeiros prototipos dos videoxogos que estudantes de Ciencias Sociais e da Comunicación e da EE de Telecomunicación desenvolven a partires do libro A Viaxe do Elefante.

Ás pegadas de Saramago en Pontevedra

Conmemorar o 300 aniversario do Convento de Mafra, no que Saramago inspira a súa novela Memorial do convento, e tamén o 30 aniversario da publicación da edición de O ano de 1993 ilustrada por Graça Morais, constitúen as dúas efemérides que a unha das cinco cátedras dedicadas ao Nobel que existen no mundo quixo conmemorar nesta edición, segundo explicou Baltrusch na inauguración, na que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García. “A historia da relación de Saramago con Galicia, que a nosa cátedra se propón completar e divulgar non pode ser contada sen referirnos aos momentos memorables que tiveron lugar nesta cidade”, salientou o coordinador desta cátedra xunto con Carlos Nogueira da relación do escritor con Pontevedra, que visitou en 1989 para participar nunhas xornadas da Aula Castelao de Filosofía; en 1999, para impartir unha conferencia na Semana Galega de Filosofía precedida dun “acto literario e político na Facultade de Belas Artes ante máis de 400 persoas”; e no 2002, para tomar parte no congreso que conmemoraba o 30 aniversario de La Saga/Fuga de JB, de Torrente Ballester. Visita, esta última, que, como lembrou Baltrusch, tivo lugar o día anterior ao afundimento do Prestige fronte as costas galegas, que motivou o texto titulado “sendo portugués, son cuasi galego” que publicou coa plataforma Nunca Máis.

Achegarse a eses vínculos de Saramago con Galicia, pero tamén á importancia das artes na súa literatura e ao feito de que “toda a súa obra está impregnada de mensaxes políticas” constitúen dous dos obxectivos dunhas das que Corbacho subliñou a súa “visión interdisciplinar”, tras manifestar o pesar da institución académica polo pasamento do docente e artista Manuel Moldes. “Iso é o que pretendemos tamén desde o campus, xerar sinerxías e un polo cultural en Pontevedra”, engadiu Corbacho, mentres que García salientou o labor realizado polo alumnado da facultade “traballando interdisciplinarmente e demostrando que o espírito de colaboración é tamén a mellor preparación profesional”.

Saramago feito animación e videoxogos

O alumnado do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual protagoniza, concretamente, dous proxectos que se presentarán na tarde do martes pero que xa se poden contemplar na Casa das Campás. Por unha banda, os primeiros resultados do traballo de realización dunha curtametraxe de animación baseada en A Illa Descoñecida, empregando principalmente a técnica do stop-motion. “Trátase de docencia por proxectos, noméase a unha directora e empezan a formarse diferentes grupos de traballo”, salienta o coordinador deste posgrao, José Chavete, dunha iniciativa na que traballa o alumnado de primeiro curso, con Beatriz Gregores como directora. Ao carón desta exposición, proxéctanse as cinco animacións nas que, divididos en diferentes grupos, 21 estudantes deste mestrado plasman a súa visión da passarola, a máquina voadora que Saramago describre en Memorial do convento. “Trátase de adaptacións libres que parten dos textos que describen a máquina” explica Sol Alonso, coordinadora desta iniciativa.

Por outra banda, na tarde deste luns preséntanse tamén os primeiros resultados do proxecto que o grupo de innovación docente ComTecArt está a desenvolver con alumnado de Comunicación Audiovisual e de Enxeñaría de Telecomunicación, que, en equipos interdisiciciplinares, traballa no deseño de videoxogos inspirados en A Viaxe do Elefante. Na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás poderanse contemplar e probar uns primeiros prototipos de catro xogos dos que o alumnado ten que desenvolver un primeiro nivel completo ao remate do cuadrimestre, segundo explica a profesora Beatriz Legerén, coordinadora desta iniciativa xunto con Antonio Pena, Juan Carlos Burguillo e Mónica Valderrama.

Os heroes anónimos da historia de Portugal

Memorial do convento e como este libro permite “repensar a historia de Portugal e a forma na que nos foi transmitida” centraron a conferencia inaugural das xornadas, a cargo da profesora da Universidade de Coimbra Ana Paula Arnaut. No seu relatorio, a investigadora contrapón as narracións do século XIX, “nas que os protagonistas eran os grandes nomes da nosa historia, esquecendo como o pobo contribuíu ao que Portugal é hoxe como nación”, ao xeito no que o escritor narra a construción do convento de Mafra. “Saramago vai recuperar precisamente esas marxes da historia, colocando no primeiro plano da escena narrativa aos heroes anónimos”, salienta. Faino ademais, a través dunha serie de figuras inspiradas en personaxes reais, como o pai Bartolomeu Lourenço, “que existitu de feito”, ou a que é “tal vez a personaxe feminina máis coñecida do universo saramagiano”, Blimunda, que, “está inspirada nunha muller que existiu no século XVIII”, segundo defendeu nesta conferencia, na que fixo referencia varios textos da época que aluden á súa existencia.

Egídia Souto, da Université Sorbonne Nouvelle de París, ou o profesor da USC Xosé Luis Fernández Lorenzo forman parte da relación de conferenciantes, xunto investigadores da Universidade de Vigo Carlos Nogueira, Uxío Couto e Antía Monteagudo forman parte tamén da relación de conferenciantes dunhas xornadas que se completan, mañá mártes ás 20.00 horas, coa representación na Facultade de Belas Artes de Os nomes de todos os nomes, por parte do Grupo de Teatro Amador Eu. Experimento. 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal