martes 14 de novembro de 2017

Alumnado e profesorado do campus participa na EE Forestal nun curso de formación en igualdade

Para combater a desigualdade, primeiro hai que detectala

Froito dun convenio entre Universidade e Deputación, desenvolve neste cuadrimestre o seu primeiro módulo

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“Os estereotipos de xénero inflúen en todas as facetas da vida, vanse transmitindo a través das familias, dos medios de comunicación, da propia escola... e moitas veces non es consciente de que estás asumindo un papel que non che corresponde bioloxicamente”, salienta a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Lorenzo, unha das docentes do curso de formación en igualdade que, ao abeiro dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, forma nestas semanas no campus a alumnado e profesorado na detección e o combate do sexismo e a desigualdade de xénero nas aulas. Dirixido polas profesoras María Álvarez Lires e Azucena Arias, o curso que celebra as súas sesións presenciais na Escola de Enxeñaría Forestal desenvolve nestas semanas o seu primeiro módulo centrado, como explica Lires, “en ofrecer un marco xeral para a detección do sexismo”.

Aberto tanto ao alumnado e ao profesorado universitario como ao persoal educativo dos centros dependentes da Deputación e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o primeiro módulo deste curso, que conta cunha parte presencial e outra virtual, reúne a preto de 30 alumnas e alumnos de “diferentes idades e formacións”, como sinala Lires. Estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte, profesorado do campus, persoal da institución provincial e traballadoras sociais forman o grupo de participantes neste curso inserido nas accións da Escola de Igualdade María Vinyals da institución provincial e que, como recoñece a súa coordinadora, “está avanzando máis do que nós inicialmente tiñamos previsto”.

Unha abordaxe teórica e práctica, presencial e virtual

De 50 horas de duración, este primeiro módulo combina un achegamento teórico e práctico a múltiples aspectos que inciden na desigualdade de xénero, como paso previo a unha segunda parte, que terá lugar o vindeiro cuadrimestre e aberta só ás persoas que completaran esta primeira formación. “Trátase dun módulo que ten xa un sentido máis práctico, de aplicación nas aulas, de propor intervencións concretas unha vez se detecta o sexismo”, explica Álvarez Lires.

Tarefas nas que xa están comezando a abordar tamén nesta primeira parte, na que, xunto a Lires e Arias, participan como docentes a profesora Iria Vázquez Silva, quen abordou cuestións como a diferencia sexo-xénero, os estereotipos, a fenda salarial ou o teito de cristal; o investigador Xavier Álvarez Lires, responsable de abordar o uso dunha linguaxe non sexista; e María Lorenzo, encargada de incidir nos aspectos relativos á socialización.

María Álvarez Lires, pola súa banda, propón neste curso unha “exemplificación” de como estas situacións se viron plasmadas na traxectoria de diferentes mulleres científicas. “Dedicámonos a estudar cales son os mecanismos de exclusión polos cales ou ben as mulleres non acceden a determinadas carreiras e profesións ou ben, se acceden, teñen dificultades de promoción e permanecia”, explica dunha parte desta formación na que o alumnado analizou diferentes informes ou plans de promoción de institucións como o MIT ou o CSIC e que nestes días leva ás e aos participantes a elaborar a biografía dunha científica, “poñendo de manifesto cales foron eses mecanismos de exclusión, as situacións as que se enfrontou na súa vida”.

Lorenzo, pola súa banda, achega a este curso cuestións como o uso diferenciado dos espazos nos colexios. “A maioría do patio soe estar dedicado a deportes masculinizados como o fútbol e unha parte pequena queda para o resto de nenos e nenas”, relata esta investigadora que nese senso, contrapón os modelos de escola mixta, “na que convivimos xuntos peros as crenzas seguen sendo as que hai na sociedade”, e a escola “coeducativa, na que loitamos para romper con esas normas preestablecidas”.

O sexismo nos xoguetes, nos libros de texto ou nos contos infantís foron, nese senso, outros dos aspectos abordados ata o de agora nun curso que se completa con 20 horas de formación en liña, na que, explica Álvarez Lires, os materiais se combinan “cun foro no que compartir información e experiencias actuais e debater sobre estes aspectos”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal