martes 14 de novembro de 2017

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este martes as Xornadas profesionais GÁLIX

Autores e editores demandan maior apoio institucional na difusión da literatura infantil e xuvenil galega

Coa participación de Ledicia Costas, Francisco Castro, Mercedes Pacheco e Montse Pena

D. Besadío | Vigo

 O Galician Books for Children & Young Adults, máis coñecido como Catálogo de Boloña, é o escaparate no que cada ano, dende 2005, se reúne en tres linguas -galego, español e inglés- os títulos máis representativos da produción editorial galega infantil e xuvenil. Elaborado por Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, e financiado pola Xunta de Galicia, o catálogo está, a xuízo dalgún das e dos principais escritores, editores e críticos do país, infrautilizado ou, cando menos, non se lle saca, nin de lonxe, todo o proveito que se debería. Esta foi unha das principais ideas que se puxo sobre a mesa este martes nas Xornadas profesionais GÁLIX, un encontro celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución, coorganizado pola profesora Ana Luna, integrante tamén da directiva da asociación.

Participaron no encontro a escritora Ledicia Costas, un dos nomes máis representativos da nova literatura galega; o escritor e editor Francisco Castro, director xeral de Galaxia; a crítica literaria e profesora da Univesidade de Santiago de Compostela, Montse Pena, e a tradutora, revisora e correctora Mercedes Pacheco. Falouse sobre como é o proceso de redacción e contidos do catálogo (Montse Pena), do proceso de elaboración do volume (Pacheco), do papel do autor como axente cultural (Costas) e, en xeral, da edición galega no mundo, para o que Francisco Castro empregou o exemplo de Mar Maior, o selo empregado por Galaxia para difundir a produción feita en Galicia, tanto de obras clásicas como contemporáneas. “Todas e todos son ou foron persoas que traballaron na elaboración e difusión do catálogo, todos son membros de GÁLIX e foron ou son membros da súa directiva”, explicou a profesora Ana Luna, que aproveitou tamén a xornada para lembrar que “a LIX galega destaca pola súa potencia creativa e pode amosar unha longa listaxe de destacadas figuras, tanto no eido literario como no da ilustración”.

“Certo abandono do catálogo por parte dos poderes públicos que o financian”

“A día de hoxe o catálogo é unha ferramenta mal empregada ou, cando menos, escasamente empregada, cando podería ter múltiples usos”, explicou Montse Pena, que fixo fincapé en que esta obra emprégase sobre todo para promocionar este tipo de literatura na Feira Internacional do libro infantil e xuvenil de Boloña, que é a gran cita anual do sector, pero, pola contra, non se emprega noutras citas internacionais de destacada importancia como Frankfurt ou Guadalajara. “Ademais, na propia feira de Boloña faltan tamén persoas que o acompañen, que se encarguen de presentalo e difundilo, de crear redes de complicidades”, recalcou a especialista, ao tempo que lamentou “certo abandono do catálogo por parte dos poderes públicos que o están a financiar”.

Ademais de bandeira da LIX galega no exterior, o catálogo tamén podería empregarse, a xuízo dos participantes na mesa redonda, a nivel interno, algo que, polo momento, tampouco se está a potenciar. “Podería e debería empregarse para medir o pulso deste tipo de literatura anualmente e tamén como escaparate para mestres e mestras que precisan alimentar de libros ao seu alumnado, como guía para as bibliotecas, para as persoas interesadas...”, recalcou Pena, que falou tamén da necesidade de contextualizar o catálogo e estendelo a diferentes tipos de foros.

Gálix, 30 anos promocionado a LIX en galego

A inauguración das xornadas correu a cargo do presidente de GÁLIX, Xosé Antonio Perozo, e o decano do centro, o profesor Luis Alonso Bacigalupe, que agradeceu á asociación o feito de traer á facultade “unha xornada de traballo sobre cuestións que son do máximo interese para o noso alumnado e profesorado”. Pola súa parte Perozo, fixo unha rápida presentación da asociación que preside, creada hai xa preto de 30 anos co obxectivo de visibilizar e promover a cultura e a lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil e que, a día de hoxe, é tamén a sección galega da OEPLI, a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil, formada por catro seccións (galega, castelá, catalá e éuscara) e que, á súa vez, é a representante en España do IBBY (International Board on Books for Young People), a listaxe que recolle o mellor da literatura creada e pensada para as máis cativas e cativos do fogar.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal