luns 13 de novembro de 2017

Nun seminario organizado ao abeiro da Cátedra Deloitte

A Escola de Enxeñería de Telecomunicación analiza as perspectivas do mercado en ciberseguridade

Duvi | Vigo

O constante crecemento do comercio electrónico, o elevado tráfico de datos sensibles (persoais, bancarios, etc.) a través da rede, o almacenamento de documentación na nube, as redes sociais…. Cada vez as tecnoloxías da información e a comunicación son máis útiles pero tamén representan unha contorna potencialmente vulnerable para os intereses dos seus usuarios. Por iso, a seguridade destes medios estase a converter nunha prioridade e tamén nunha oportunidade profesional moi destacable para as e os enxeñeiros de Telecomunicación. Para coñecer estas posibilidades, a EET acolle este luns e martes un seminario de perspectivas de mercado en ciberseguridade impartido por CyberSOC Academy. Este curso enmárcase no programa de actividades da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade, que se creou en decembro do pasado ano co obxectivo de promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado universitario e doutros profesionais, mellorando a capacitación e ampliando ou actualizando os seus técnicas e habilidades no ámbito da ciberseguridade. Ademais, o vindeiro curso estrearase o Mestrado en Ciberseguridade, sendo este campo un dos eixos prioritarios no proceso de especialización do campus como Vigo Tecnolóxico.

Este seminario está dirixido a investigadores e estudantes de mestrado do eido tecnolóxico, preferentemente, así como persoal do centro de investigación atlanTTic. A docencia desenvólvese hoxe luns e mañá martes e comprende dez unidades nas que se abordarán temas como as ameazas da rede, o fraude, a enxeñaría social ou os malware como virus, spyware, ransomware, troianos ou phishing. Tamén se tratarán temas como o hacktivismo, os mercados negros e o tratamento da información, o roubo e almacenamento de datos de inicio de sesión, os contrasinais, os malware para dispositivos móbiles, as contramedidas para facer fronte a ataques ou as tendencias neste eido segundo os SOC (Security Operation Centers).

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal