martes 7 de novembro de 2017

Os días 9 e 10 celebrarase en Vigo un congreso centrado na principal manifestación da xustiza restaurativa

Mediación penal, porque unha resposta máis reparadora e resocializadora para a vítima é posible

O simposio está organizado pola Asociación Española de Justicia Terapéutica que preside Esther Pillado

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Reiterados interrogatorios; reconstrución dos feitos; asistencia a xuízos cun trato, ás veces, agresivo por parte da ou do avogado defensor; indebido tratamento informativo; lentitude do proceso… Estes son algúns dos danos que, derivados da súa relación co sistema xudicial penal, pode sufrir a vítima dun delito, que, non obstante, no caso das persoas adultas, segundo establece o artigo 15 da Lei 4/2015, do 27 de abril, do Estatuto da vítima do delito, poderán acceder a servizos de xustiza restaurativa, nos termos que regulamentariamente se determinen, coa finalidade de obter unha adecuada reparación material e moral dos prexuízos derivados do delitos. “A mediación penal, como principal manifestación de xustiza restaurativa, trata de evitar ao acusado e á vítima as graves consecuencias sociais e emocionais que provoca a súa intervención no proceso penal, o que dificulta unha solución reparadora e resocializadora para ambas”, explica a catedrática de Dereito Procesual e directora do Departamento de Dereito Público da Universidade de Vigo, Esther Pillado, que destaca que coa a mediación se facilita á vítima unha axeitada reparación de todo o dano causado, tanto material como moral, ao tempo que lle permite acadar a súa pacificación persoal, mentres que no caso da ou do acusado se facilita a súa responsabilización e a posibilidade de obter os beneficios que prevé o Código Penal.

Co obxectivo de realizar un estudo sistemático e crítico da mediación penal, centrada especialmente no impacto que esta pode producir na vítima do delito, este xoves e venres celebrarase na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo o congreso Mediación penal. Cara a unha resposta máis reparadora para a vítima. O congreso, primeira actividade da Asociación Española de Justicia Terapéutica, que este ano se constituíu en Vigo e que preside Esther Pillado, contará coa participación de especialistas na materia, como Luis Aurelio González, maxistrado de familia en Madrid e presidente do Grupo Europeo de Maxistrados pola Mediación, así como con Ignacio Subijana, presidente da Audiencia Provincial de Guipúscoa e Juan Carlos Aladro, fiscal xefe de Pontevedra, ambos os dous participantes na elaboración do Protocolo de mediación penal, incluído na Guía para la práctica de la medición penal elaborado polo Consejo General del Poder Judicial. A falta de resposta reparadora do proceso penal; o mediador penal e o papel da fiscalía, dos avogados e dos xuíces na mediación penal, son algúns do temas que se abordarán no congreso, co que colaboran ademais da Universidade de Vigo, os colexios de avogados e procuradores de Vigo, a Xunta de Galicia e o Instituto de Justicia y Litigacion “Alonso Martínez” da Universidad Carlos III de Madrid.

Un proceso pendente de regulación en España no caso dos adultos

Aínda que a mediación penal xuvenil está regulada en España desde o ano 2000, isto non ocorre no caso dos adultos. “Neste momento, o Consejo General del Poder Judicial, nunha aposta clara pola mediación penal de adultos, ten firmado diversos convenios en distintas cidades españolas para que se ofrezan aos cidadáns servizos de mediación”, explica Esther Pillado, que confirma que en Galicia xa existen en A Coruña e Santiago, financiados pola Xunta, mentres que se agarda a súa creación en Vigo.

En relación cos delitos que son susceptibles de seren derivados ao procedemento de mediación, a catedrática da Universidade de Vigo, explica que non existe un catálogo definido, salvo os de violencia de xénero, que quedan excluídos, por impoñelo así o artigo 44.5 da Lei orgánica 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. “En consecuencia, calquera delito pode ser remitido á mediación, con independencia de que sexa un delito leve ou grave, sempre e cando se dean as condicións da voluntariedade das partes, equilibrio entre elas e ademais exista un dano, sexa material ou psicolóxico, que reparar”, detalla Pillado, que considera que a vítima sempre foi a gran esquecida dentro do proceso penal, aínda que nos últimos anos es sobre todo a partir do Estatuto da Vítima se recolle un catálogo de dereitos, tanto procesuais, como extraprocesuais.

A divulgación da xustiza terapéutica

Con sede na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a Asociación Española de Justicia Terapéutica nacía hai un ano en Vigo co obxectivo de divulgar os principios da xustiza terapéutica entre profesionais, operadores xurídicos e a sociedade en xeral, así como a promoción dos seus procedementos e prácticas. “A xustiza terapéutica ten como obxectivo a humanización da xustiza e, en palabras do seu impulsor David Wexler, trata de estudar o rol da lei como axente terapéutico, analizando o impacto que unha determinada lei provoca sobre a vida emocional e o benestar das persoas afectadas pola súa aplicación”, explica a presidenta da asociación, que se reunirá en Vigo o 9 de novembro para establecer as actividades a realizar durante o ano 2018 co obxectivo de divulgar e promover os principios da xustiza terapéutica.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal