luns 6 de novembro de 2017

Unhas xornadas sobre a teoría queer e a educación afondan no campus na cuestión de xénero

Unha diversidade que desborda as categorías binarias do heteropatriarcado

A profesora Elvira Burgos foi a encargada de arrancar este luns a programación

Rosa Tedín | Ourense

Aproximar ao alumnado e público asistente as principais achegas do feminismo queer, fomentar a visibilización das identidades que transgriden as normas de xénero e se posicionan máis aló das identidades hexemónicas, binarias e complementarias, e facilitar ferramentas e estratexias pedagóxicas para promocionar o valor da diversidade sexual na ámbito educativo. Con este obxectivos, este luns e martes a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolle as xornadas Teoría queer e educación: da heteronormatividade á disidencia, organizadas polo Grupo Sexualidade, Xénero e Saúde coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

O natural e o cultural

As xornadas, coordinadas polas profesoras María Victoria Carrera, Yolanda Rodríguez e María Lameiras, arrancaron cunha conferencial inaugural titulada O “normal” en cuestión. Feminismos que interpelan, a cargo de Elvira Burgos, profesora da Universidad de Zaragoza. Durante a súa intervención, a relatora fixo un repaso polas orixes e a evolución da teoría e do feminismo queer, centrado en considerar que xénero e sexo non son resultado da natureza humana senón que tamén son unha construción sociocultural. A profesora afondou nos “dualismos que caracterizan á sociedade actual” centrándose no referidos á cuestión de xénero e como desde a teoría queer se traballou desde a década dos 70, cos seus antecedentes, por rachar co binarismo patriarcal e as súas categorías.

Ao longo da súa conferencia, Elvira Burgos esbozou para o alumnado de Ciencias da Educación presente achegas como as de Gayle Rubin, a través das súas obras O tráfico de mulleres e Reflexionando sobre o sexo; as de Judith Butler e a de movementos como o feminismo lesbiano ou feminismo negro. Deste xeito, foi expondo ao alumnado como se foi conformando a idea desta teoría de que a relación entre o orgánico e o cultural é irrompible, de que “o sexo sempre foi xénero” e “non unha categoría natural” e de como “a roupaxe do natural” encubre o exercicio do poder heteropatriarcal. Tamén afondou na consideración do xénero “como un chaleco de forza que violenta aspectos da personalidade de cada individuo”; na clasificación de "sexualidades boas-naturais-sas e sexualidades malas-antinaturais-insas" e na importancia da rotura das categorías duais e binarias relacionadas coa sexualidade e da “estratificación e o esencialismo sexual”, apostando pola diversidade.

Máis programación

O programa das xornadas complétase este luns cunha conferencia de Pam Alldred, profesora da Brunel University London, e unha mesa redonda titulada Da heteronormatividade á diversidade sexual: activismo e acción socioeducativa, na que participan representantes da Asociación Nós Mesmas, da Marcha Mundial das Mulleres en Galiza, da Plataforma Feminista Galega e de Brigantia, Empresa de Acción Socioeducativa Feminista. O martes, día 7 de novembro, a programación pecharase cunha conferencia de clausura de Cristina Palacios, traballadora social e docente, presidenta de Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans* de Galiza na que falará sobre a diversidade sexual como materia pendente dos centros educativos.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal