luns 6 de novembro de 2017

A facultade acolleu este luns unha charla-coloquio sobre esta institución

O Parlamento galego “achégase” ao alumnado de Dereito

É a primeira dunha xeira de sesións divulgativas que se realizará nos campus universitarios

Rosa Tedín | Ourense

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este luns a Charla-Coloquio Parlamento de Galicia. A iniciativa enmárcase nas actividades divulgativas organizadas pola Presidencia do Parlamento en colaboración coa Asociación de Ex Parlamentarios/as e que teñen como obxectivo espallar os valores da democracia entre a xente nova, amosando o traballo que se desenvolve na institución que representa o pobo de Galicia, a primeira das institucións da comunidade autónoma e da que derivan todas as demais.

Na sesión celebrada en Ourense participaron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Tomás Pérez, ex presidente do Parlamento de Galicia; Alberte Xullo Rodríguez, vicepresidente da Asociación de Ex Parlamentarios/as do Parlamento, e Ismael Rego, vogal da Asociación de Ex Parlamentarios/as. Agradecendo a elección do campus de Ourense para acoller esta charla, o vicerreitor salientou como esta iniciativa abriu “a oportunidade de traer ao campus o Parlamento de Galicia”, permitindo que o alumnado universitario ourensán se achegue a esta institución e viceversa. Esta oportunidade tamén foi subliñada por Marta Fernández, que destacou como cada ano alumnado da súa facultade realiza prácticas no Parlamento galego, “un órgano fundamental no noso estado de dereito”.

Unha institución “a coidar e protexer”

Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, comezou a súa intervención ante o alumnado presente destacando como a institución que preside “por ser a primeira institución do país, debe ser coñecida por todos”. Deste xeito, explicou como tras organizar en colexios e outras institucións charlas para dar a coñecer o Parlamento, decidiron estender esta iniciativa “á universidade”, celebrando no campus de Ourense este luns a primeira das charlas desta nova xeira divulgativa. A través dun vídeo e das intervencións dos diferentes relatores, os asistentes ao acto celebrado este luns na Facultade de Dereito puideron achegarse á historia da institución, ás súas funcións, aos seus órganos e ata ás súas instalacións no Pazo do Hórreo. Así, o alumnado puido coñecer cuestións como que nesta institución se exerce a potestade lexislativa da comunidade autónoma e como está entre as súas funcións o control da acción executiva da Xunta de Galicia.

Segundo recalcou Ismael Rego durante a súa intervención, o Parlamento “é a institución onde os cidadáns temos maior poder de decisión” e “unha institución fundamental da democracia”. Salientando a súa madurez e como ao longo da súa historia “foi sempre ao carón da normalidade”, o vogal da Asociación de Ex Parlamentarios/as falou de como na súa creación primou “a altura de miras” no senso de que se traballou desde a area política por conseguir o aval da cidadanía para este Parlamento, tendo en conta que ese aval supoñía tamén o aval para o conxunto de institucións do goberno galego. Rego gabou o traballo realizado no seo da entidade, recalcando como “a día de hoxe é máis que homologable co de calquera rexión” e fixo fincapé na transparencia, na participación cidadá e na actividade diaria neste órgano. Rematou a súa intervención animando ao alumnado presente a “coidar e protexer” diariamente esta institución e a democracia no seu conxunto. Neste senso, Alberte Xullo Rodríguez quixo destacarlle aos asistentes como a política “non é cousa doutros” xa que “a política inflúe en todos e cada un dos detalles do que vos acontece na vida, no día día”. Por este motivo, Fernández animou aos futuros xuristas a “non abstraerse da política”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal