luns 6 de novembro de 2017

A investigadora Yaiza Taboada analizou as características de 150 deportistas de alto nivel

Unha tese recolle o primeiro estudo do perfil morfolóxico da ximnasia acrobática de competición

A investigación demostrou a existencia de diferencias físicas entre os dous roles desta disciplina

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Consistente na realización dunha serie de exercicios acrobáticos a partires de pirámides corporais, a ximnasia acrobática é unha disciplina definida pola existencia de dous perfís ben diferenciados; as e os portores, os que se sitúan na base da pirámide, e as e os áxiles, os que realizan exercicios sobre estes. Analizar o perfil antropométrico destes deportistas, así como as posibles diferenzas puidesen existir en función do seu rol constituíu o propósito central do estudo Yaiza Taboada desenvolveu para a súa tese de doutoramento, defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a primeira que se realiza sobre ximnasia acrobática de competición.

“As características morfolóxicas xogan un papel importante no rendemento deportivo”, salienta Taboada Iglesias, quen explica que o perfil morfolóxico centrou estudos, orientados tanto a detección de talentos como a busca dun maior rendemento, na ximnasia artística e na rítmica, ambas disciplinas olímpicas. Non obstante, este era un campo “practicamente inexplorado” no caso da acrobática, a pesares de que os e as deportistas da disciplina “caracterízanse por desempeñar dous roles con características motrices diferentes de alta especificidade”. De feito, os tres estudos realizados por Taboada para a súa tese Análise do perfil morfolóxico da elite da ximnasia acrobática en España, dirixida pola profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e pola profesora da Universidad de Granada Mercedes Vernetta, constitúen tamén a investigación sobre esta disciplina que reúne datos dun maior número de deportistas, un total de 150 ximnastas de alto nivel, 92 portores e 52 áxiles, que supoñen a práctica totalidade dos participantes no campionato de España no ano no que se realizou a recollida de datos.

O perímetro glúteo como variable preditora

A tese de Taboada Iglesias constitúe un compendio de tres estudos previamente recollidos nos artigos publicados nas revistas científicas Journal of Sport Medicine and Physical Fitness, Journal of Moprphology e Journal of Human Kinetics. O primeiro deles centrouse nas medidas antropométricas e a predición do perfil en función do rol, mentres que o segundo abordou a composición corporal e os índices de proporcionalidade dos diferentes roles e o terceiro analizaba os perfís morfolóxicos en función das diferentes modalidades desta disciplina. A combinación destes tres estudos, sinala a investigadora, permite establecer “as características físicas que deberían ter os diferentes grupos de ximnastas”, de tal xeito que dá “resposta á necesidade dunha boa detección de talento”.

Nese senso, os resultados destas análises permitiron á investigadora detectar a existencia dunha serie de diferencias entre portores e áxiles, que en ambos casos “tenden a ser morfoloxicamente pequenos”, os segundos “con infrapeso”, fronte ao peso normal dos portores. As e os ximnastas acrobáticos presentan tamén “extremidades superiores curtas e tronco medio”, mais diferéncianse tamén nas inferiores, “longas nos áxiles e intermedias nos portores”. Os estudos amosaron así mesmo que non existen diferenzas en canto á composición muscular, pero si no “perímetro glúteo” que se amosa como a “variable preditora” do rol de portor. É dicir, os resultados deste estudo amosan que aquel ximnasta cun maior perímetro resulta a priori “máis apto para realizar este rol”, o que, como explica Taboada, permitiría orientalos cara a faceta de portores, mentres que aqueles cun perímetro pequeno serían máis apropiados para a función de áxiles.

Así mesmo, o estudo tratou tamén de atopar posibles diferencias morfolóxicas en función de modalidades de competición nun deporte que conta coas categorías de parellas femininas, masculinas e mixtas e de grupos femininos e masculinos. Neste punto, Taboada atopou diferenzas nas medidas morfolóxicas das portoras femininas, xa que maiores valores en talla, perímetro abdominal mínimo e porcentaxe de graxa resultaron preditoras da modalidade de parella, ao ser inferiores na grupal. Por outra banda, o estudo permitiu comprobar tamén que os portores masculinos na modalidade de parella mixta “son os únicos que presentan un peso proporcionalmente superior á media”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal