venres 3 de novembro de 2017

Este venres arrancou a segunda edición da iniciativa 'Follas de vida'

Os oficios tradicionais como escusa para o contacto interxeracional

Escolares e maiores de San Amaro compartirán durante o mes de novembro actividades lúdicas

Duvi | Ourense

“Divulgar, reproducir, aprender e apreciar os antigos oficios galegos e promover as iniciativas interxeracionais que permitan as relacións entre persoas de diferentes idades, coa vontade de incrementar os seus vínculos e o coñecemento mutuo”. Con este dous obxectivos principais este venres arrancaron no Fogar Residencial San Amaro as II Xornadas de dinamización do medio rural. Novembro interxeracional. Follas de Vida, nas que participan maiores e profesionais do Fogar Residencial San Amaro e escolares do CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira, contando ademais coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense.

A idea de levar a cabo estas xornadas xurdiu o pasado ano pola inquedanza da directora deste fogar residencial e da súa animadora sociocultural, Esther Pérez e Alba Ojea, alumnas de doutoramento da facultade ourensá e a primeira tamén profesora, de fomentar o contacto entre diferentes xeracións. Trátase, apuntan as responsables da iniciativa, “dunhas xornadas pensadas para compartir momentos entre as persoas maiores e as máis cativas do lugar, tendo como convidados e convidadas especiais a diferentes persoas que nos acompañarán nesta viaxe”. Con estes obxectivo deseñouse un programa de actividades a celebrar todos os venres do mes de novembro no centro escolar ou no fogar residencial.

As actividades escollidas en Follas de vida II están, segundo explican as súas responsables, “destinadas a provocar a reflexión conxunta das persoas participes de forma activa e entretida, fomentar o respecto e a tolerancia á contorna social, fomentar a participación conxunta das persoas que se acheguen, transmitir valores de respecto e convivencia, incentivar e desenvolver a imaxinación e a creatividade nos asistentes e achegar e dar a coñecer as características dun fogar residencial de persoas maiores”.

De Florencio de Arboiro a Susa Herrera

A programación arrancou este venres cunha sesión que baixo o título Oficios galegos, a vida afiando, trouxo a Florencio de Arboiro ao Fogar Residencial San Amaro para compartir cos participantes a súa paixón por un oficio tradicional, o de afiador. Deste xeito, maiores e escolares puideron escoitar a historia de vida dunha persoa que exerceu este traballo e que leva máis de 30 anos coleccionando, recuperando e restaurando rodas de afiar e documentando este oficio, contando na actualidade coa maior colección do mundo sobre os afiadores.

As accións destas xornadas continuarán o día 10 de novembro coa celebración dun magosto interxeracional no que maiores e escolares compartirán bos momentos arredor do lume e das castañas. O día 17 as xornadas volverán á temática dos oficios coa visita de Toño González, artesán protagonista do documental Cesteando, do director Plácido Romero. Coa súa visita e a proxección do documental, os asistentes poderán coñecer a súa historia de vida vinculada á cestaría e ao desenvolvemento do rural. Xa para rematar, o 24 de novembro celebrarase a sesión Contos cantados, na que a profesora da Universidade de Vigo e contadora de contos Susa Herrera se achegará ao centro de maiores para amosar como os contos e a música constitúen un material pedagóxico, lúdico e divertido válido para todas as idades.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal