xoves 2 de novembro de 2017

Relatou a experiencia de 30 anos de normalización do éuscaro en Álava

Txerra Rodríguez, sociológo: “A revitalización lingüística é posible”

O experto afondou na necesidade de traballar coordinadamente desde diferentes ámbitos (educativo, social...)

D. Besadío | Vigo

No ano 1981 o número de falantes en éuscaro en Álava non chegaba ao 5%, hoxe, case corenta anos despois, esta cifra sitúase por enriba do 30%. Cales son os principais factores que motivaron este ascenso constante? Txerra Rodríguez, sociólogo e membro da coordinadora de servizos lingüísticos e culturais EMUN, iniciativa posta en marcha a finais dos 90 coa normalización da situación do éuscaro como principal misión, visitou este xoves o campus de Vigo para impartir unha conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución, na que tivo a oportunidade de relatar como en 40 anos de normalización e revitalización lingüística, desde as institucións pero –sobre todo- desde o tecido social e asociativo, conseguiron pasar en concellos de Álava dun 0% a un 40% de falantes actuais.

Convidado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Txerra Rodríguez defendeu que “a revitalización lingüística é posible”, pero para conseguilo deben conxugarse tres factores “fundamentais e profundamente entrelazados entre eles”: a educación, os movementos sociais e o apoio da propia administración pública. No que respecta a educación, Rodríguez resaltou a importancia que tivo en todo este proceso o modelo de inserción lingüística en éuscaro, traballo que se viu reforzado por todas as actividades realizadas a favor da lingua desde os movementos sociais alaveses e, sobre todo nos últimos sete ou oito anos, por todo o apoio técnico da propia administración, que era algo que tamén se viña reivindicando dende hai anos por todos os movementos sociais a favor da lingua. “Son tres eidos que están absolutamente relacionados e que deron e que seguirán dando, xa que todo isto aínda está en proceso, moitos máis froitos importantes”, recalcou o experto..

Tradutor de Martin Codax ao euskera, Txerra Rodríguez lembrou na súa visita a Vigo o importante papel que tiveron en todo este proceso de normalización o nacemento das ikastolas, “as primeiras escolas de inmersión lingüística creadas en pleno franquismo de xeito ilegal e nas que as nais e os pais fixeron un tremendo esforzo por matricular alí aos seus fillos”. Despois, chegou a transición e, con ela, as primeiras escolas públicas que apostaron por este modelo de inmersión e “así ata hoxe, no que este modelo é o principal e no que están matriculados máis nenos e nenas desde 0 ata 18 anos”. En todo este proceso de revitalización da lingua tampouco faltaron, lembrou o experto, detractores, sobre todo nas décadas de 1980 e 1990, pero, “afortunadamente, hoxe en día todo iso está bastante superado e as medidas a favor do éuscaro chegan desde todos os ámbitos e partidos políticos”, recalcou Rodríguez.

Respecto a Galicia:“A tendencia cara o futuro non semella moi positiva”

Con respecto ao caso galego, o sociolingüista vasco considera que nestes intres a situación que se vive en Galicia é a inversa da que se vive en calquera dos territorios de Euskal Herria, onde os menores de 18 anos son os principais falantes do éuscaro. “O uso e o coñecemento do galego é moito máis amplo que alí, pero non sei ata cando se vai poder manter, xa que todo isto non deixa de ser un proceso social de xeracións”, recalcou Rodríguez, ao tempo que incidiu na idea de que alí se vive unha época de revitalización, mentres que en Galicia a situación é de retroceso, “pero, aínda así, penso que a situación galega segue sendo moito mellor ca vasca, se ben, a tendencia cara o futuro non semella moi positiva”.


Á pregunta de se ve viable trasladar o modelo vasco a Galicia, o experto teno claro, o máis recomendable é que “cada pobo, vila ou incluso aldea ten que buscar o seu propio modelo, que, por suposto, debe estar dentro dunha política máis xeral”. Todo, segundo o seu punto de vista, debería pasar por mirar cara outros lugares que saíu ben e tentar adaptalo as características propias de Galicia. “Seguramente haberá moitas cousas que se fixeron alí que tamén se poderían implantar aquí e outras que non se poidan facer ou que igual hai que facelas de outra maneira, porque ao final é un proceso intrínseco no que hai que mirar que se fixo fóra, traelo e adaptalo ás características propias de cada territorio”.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal