venres 15 de setembro de 2017

A astrofísica Ana Ulla comisaría unha mostra paralela ao congreso internacional 'Road to the Stars'

Exoplanetas, galaxias, cometas e cúmulos danlle unha nova vida aos obxectos reciclados

'Astrovaqueiros e cousas' poderá visitarse a partir do vindeiro luns no claustro de Fonseca en Santiago

Mª del Carmen Echevarría | Vigo


Exoplanetas á vista é unha obra realizada con técnica mixta, incluíndo tapas metálicas, coiro, pedras e vidros, así como pinturas acrílicas e vernices. Astro-bluejeans&things, pola súa banda, presenta varias prendas de tecido vaqueiro modernizadas con deseños astronómicos pintados a man. No caso de Os soños da Vía Láctea, unha mesa de noite restaurouse pintándoa a man. Estas son tres da ducia de obras que integran a exposición "astronómicoartística" Astrovaqueiros&cousas. Unha nova vida astronómica para vellos vaqueiros: o Universo debuxado e pintado aquí na Terra, un planeta que recicla, que o vindeiro luns, 18 de setembro, abrirá as súas portas no claustro do Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela. A astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla é a comisaria desta mostra que, xunto a outras exposicións, se desenvolverá en paralelo á celebración do congreso internacional Road to the Stars, que reunirá na capital de Galicia durante cinco días a máis dun cento de investigadoras e investigadores en astronomía, que analizarán a visión do ceo en diferentes culturas e sociedades desde a Prehistoria ata a actualidade. No evento, no que coinciden por primeira vez as sociedades europeas, as Oxford, así como artistas e investigadores de artes e astronomía, presentaranse comunicacións orais e pósters cos resultados de investigacións agrupadas en cinco bloques temáticos: Paisaxe e ceo; Astronomía antiga; Antropoloxía do ceo; De Roma a Santiago; Educación e patrimonio e A inspiración do ceo.

O programa de Road to the Stars, que promove o Consejo Superior de Investigaciones Científicas, a Universidade de Santiago e o Instituto de Astrofísica de Canarias, complétase coa mostra artística que se desenvolverá no Colexio de Fonseca, cunha sesión das denominadas Nerd Nite no Café Casino e unha observación astronómica da cidade de Santiago. “Ë importantísimo, pola temática que aborda, pola relevancia internacional que ten, polo ben organizado que está, por incluír tantas actividades tan diversas no programa e pola proxección internacional que da das e dos investigadores españois que participamos nel”, sinala Ana Ulla, que ademais de comisariar a exposición Astrovaqueiros&cousas, participará no congreso cun relatorio sobre o universo oculto nas cantigas de Galicia, así como na Nerd Nite cunha intervención titulada 55 Cancri y, Proxima b, TRAPPIST-1 …,vai nomes teñen! e na organización de dous concertos.

A primeira exposición 'astronómicoartística'

Astrovaqueiros&cousas, a primeira mostra "astronómicartística", froito da colaboración entre a astrofísica Ana Ulla e as artistas Carmen Villar e Rita Landeiro, co respaldo da empresa química Xylazel, explora as posibilidades do pintado sobre compoñentes reciclados, utilizando pinturas innovadoras, inspirándose en elementos astronómicos, desde exoplanetas a galaxias, cometas ou cúmulos. “Rita e Carmen saben de pintura e eu de momento fixen un experimento. En calquera caso, para min resultou un intercambio colaborativo moi interesante e moi instrutivo, que ademais espero que continúe”, explica Ana Ulla sobre o seu papel na mostra, para a que elixiu como temática das súas obras os exoplanetas, nos que se centrou unha estadía que o ano pasado desenvolveu na Universidade Queen Mary de Londres. Outras obras da exposición tiveron como fonte de inspiración fenómenos como unha chuvia de perseidas, eclipses ou o centro do cúmulo globular Omega Centauri, o maior da súa clase na Vía Láctea.

Aínda que Ulla recoñece que “o proceso de elaboración das obras foi laborioso e entretido, case a partes iguais” esta non é a súa incursión no mundo artístico. Autora do libro xuvenil Desde el jardín, las estrellas, a investigadora, que participa desde hai anos na misión Gaia da Axencia Espacial Europea para a elaboración dun mapa 3D da Vía Láctea, organizou varios concertos, así como en diferentes actividades de contacontos, pílulas científicas ou danza. “Considérome de ciencias e de letras, aínda que evidentemente non sexa a metade e metade. Opino que esta dicotomía coa que ás veces se etiqueta á xente case desde a escola primaria non dá froitos positivos”, explica Ulla, que se amosa partidaria dunha formación “máis mestiza, máis de tipo renacentista, porque cada persoa ten múltiples capacidades”.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal