Campus de Pontevedra

luns 21 de xaneiro de 2008

Segundo se establece nunha tese defendida na EUET Forestal

A falta de transparencia na implantación da Rede Natura 2000 provoca a desconfianza das sociedades rurais afectadas

Tamén expón a falta de financiamento como o principal obstáculo para o seu futuro

A ausencia de consenso e a opacidade no procedemento de designación dos lugares que conforman a Rede Natura 2000, a principal normativa para a conservación da natureza na Unión Europea, é unha das causas do elevado descontento dos implicados no proceso, como son as organizacións profesionais agrarias, gandeiras, forestais e cinexéticas, así como os propietarios, corporacións municipais e sindicatos. Esta falta de transparencia por parte das autoridades españolas é unhas das denuncias que se expoñen na tese de doutoramento da avogada Isabel Manzano, quen salienta que, á hora de implantar dita rede non houbo unha fase previa de información pública ou de consulta aos interesados.

venres 18 de xaneiro de 2008

Tras a demanda por parte do alumnado

A biblioteca de Ciencias Sociais abrirá as fins de semana durante a época de exames

Esta será a primeira vez que a biblioteca central do campus de Pontevedra abrirá as súas portas as fins de semana durante a época de exames. Tras unha constante demanda por parte dos estudantes, este sábado 19 de xaneiro, será a primeira fin de semana en que os alumnos poderán acudir a este centro a estudar ou a consultar calquera información para preparar as evaluacións do primeiro cuadrimestre. Como explica a directora do centro, Laura González, “en Vigo xa fai dous anos que se empezaron a abrir as bibliotecas a fin de semana e xa entón había un interese por parte do alumnado en que se incluíran tamén nesta iniciativa aos outros dous campus” e engadiu que “Ourense empezou en xuño do 2007 e ao final acordaron incluír tamén a Pontevedra”.

venres 18 de xaneiro de 2008

J.Mª. Cancela, decano de CC da Educación:

"Sempre intentamos que as titulacións se axusten ás necesidades profesionais"

Desde que se creou a Facultade de Ciencias da Educación no ano 1998, o centrou sufriu importantes cambios, desde a ampliación do nome en febreiro do 2006, pasando a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ata a construción do novo edificio no campus da Xunqueira a finais dese mesmo ano. Con este último proxecto o centro que acolle as catro titulacións de Ciencias da Educación e a Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, pasou a integrarse moito máis nos plans que a Universidade de Vigo ten para o campus de Pontevedra. O 15 de decembro de 2006, tiveron lugar as eleccións a decano na nova ubicación da facultade, sendo elixido para un período de tres anos José María Cancela Carral. Entrado xa o 2008, o decano fala sobre os proxectos que teñen para o novo ano.

xoves 17 de xaneiro de 2008

Ata o 17 de febreiro na Casa do Mestre en Cela (Bueu)

Unha reflexión sobre a vida diaria nas grandes cidades é o motivo da exposición "A cidade dende fóra"

A artista é a profesora de Belas Artes, Silvia García

Ata o próximo 17 de febreiro poderase visitar a exposición A cidade dende fóra. Diagramas fotográficos e arquivos que se inaugurará este venres, na Casa do Mestre en Cela (Bueu). Neste caso a artista é a profesora da materia Extensión e repercusión de linguaxes artísticas da Facultade de Belas Artes, Silvia García, quen amosará unha serie de fotografías de distintas cidades de toda Europa desde un punto de vista diferente. Non se trata dunha exposición de imaxes de lugares turísticos senón que a autora pretende mostrar a vida diaria desas cidades que inmortalizou coa súa cámara.

xoves 17 de xaneiro de 2008

A "kinesiotaping" centrará o curso que se impartirá na EU de Fisioterapia

O gran interese espertado polo "I Curso de vendaxes neuromusculares" desbordou as previsións dos organizadores

O método optimiza o proceso de recuperación do propio corpo

Hoxe en día empeza a ser común ver na televisión a deportistas de elite cunhas estrañas vendaxes que destacan polas súas cores rechamantes. Trátase da técnica da kinesiotaping, tamén denominada medical taping ou vendaxe neuromuscular que está revolucionando a práctica diaria de moitos fisioterapeutas. O xeito en que este método optimiza o proceso de recuperación do propio corpo, faino moi popular entre os pacientes e os profesionais do sector, que terán ocasión e coñecelo na Escola Universitaria de Fisioterapia do campus de Pontevedra que acollerá desde este ano o I Curso complementario de vendaxes neuromusculares, que pola súa enorme demanda, xa está previsto que teña varias edicións cada ano.

mércores 16 de xaneiro de 2008

“II Xornada de Tradición e Xogo”

Xogos populares e bailes tradicionais en Ciencias da Educación e do Deporte

Organizada por alumnos da facultade

tradicion e xogo1.jpg Con motivo da conmemoración do patrón da universidade, Santo Tomás de Aquino, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés celébrase a II Xornada de Tradición e Xogo. Alumnos da materia Deporte para todos, que imparte a profesora Ana Rey Cao, no cuarto curso da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, organizan esta iniciativa coa que se pretende dinamizar a vida universitaria de toda a comunidade vinculada á facultade.

mércores 16 de xaneiro de 2008

Enrique Valero, profesor da EUET Forestal:

“Os agricultores son os mellores axentes para acadar a conservación ambiental do medio rural xa que son os principais xestores do territorio”

Representará á Universidade nunha xornada da “Semana Verde Internacional de Berlín”

No marco dun programa de actividades paralelo á Semana Verde Internacional que se está a celebrar estes días en Berlín, teñen lugar numerosos congresos e conferencias, entre os que destaca a xornada Cooperación entre agricultura e protección ambiental, onde o profesor da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, Enrique Valero, representará á Universidade. O obxectivo do evento é concienciar de que o único xeito de acadar altas cotas de mantemento da biodiversidade é mediante a cooperación mutua entre os propietarios das terras e os gobernantes de cada comunidade.

martes 15 de xaneiro de 2008

Co proxecto “Domoheat”

Residuos agrícolas, forestais e madeireiros servirán de combustible para crear un sistema sostible de calefacción

O gran potencial que ten Galicia para transformar a biomasa en fontes de enerxía é, en opinión dos enxeñeiros forestais, unha das grandes vantaxes que presenta esta comunidade e a E.U. de Enxeñaría Técnica Forestal quere sacarlle o máximo proveito. Neste senso, desde fai uns meses e durante os próximos tres anos, un grupo de investigadores deste centro, apoiados por expertos de Castilla-León, Alemaña, Grecia, Italia e Austria, analizarán a viabilidade de converter produtos residuais en combustible para sistemas sostibles de calefacción.

luns 14 de xaneiro de 2008

Cun proxecto sobre a responsabilidade social da televisión

Dous alumnos representan á Universidade no congreso internacional "UNIV 08"

Dirixidos pola profesora do campus pontevedrés Aurora García González

Laura Vázquez e Gael Sande, son os dous alumnos que representaron á Universidade de Vigo na fase local do congreso internacional UNIV 08 que este ano trata o tema Ser, aparecer, comunicar: entretemento e felicidade na sociedade multimedia. A curiosidade por saber como é un congreso foi o que levou a estes emprendedores a participar no único evento deste tipo dirixido unicamente a estudantes. “Nunca antes participara en algo así e o vin como unha boa oportunidade de saber como son estes eventos”, explicou Laura Vázquez , alumna de terceiro curso da Licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas.

luns 14 de xaneiro de 2008

Clase práctica no Consello de Contas para os alumnos de Xestión e Administración Pública

Da man do conselleiro deste organismo, Xaquín Álvarez Corbacho

Non pode existir unha mellor clase práctica para os alumnos da materia Facenda Pública Autonómica e Local da titulación de Xestión e Administración Pública, que a que se lle impartiu no propio Consello de Contas o pasado martes 8 de xaneiro. Á volta de vacacións, os estudantes reincorporáronse á vida académica coa visita ás instalacións do organismo que se encarga de fiscalizar as contas da administración pública en Galicia, co obxectivo de coñecer en persoa o seu funcionamento. Da man do profesor Xavier Labandeira, a visita transformouse nunha clase maxistral cando, o conselleiro Xaquín Álvarez Corbacho, encargado da fiscalización da conta xeral da comunidade autónoma, ofreceu unha presentación sobre as fendas fiscais nos concellos galegos.

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

324 de 335

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal