Campus de Pontevedra

martes 23 de xaneiro de 2018

Reedítase o libro do profesor Pedro Pablo Gutiérrez ‘Teoría y práctica de la publicidad impresa’

Un manual para abordar a publicidade impresa desde unha perspectiva académica e profesional

O volume aborda as diferentes fases do traballo nunha axencia

O profesor de CCSS e da Comunicación Pedro Pablo Gutiérrez

Abarcar nun volume todas as posibles formas de publicidade impresa e tamén aquelas outras que, aínda que non teñen na impresión o seu soporte principal, si parten das mesmas premisas de traballo foi o propósito co que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Pablo Gutiérrez publicou en 2006 Teoría y práctica de la publicidad impresa. Doce anos despois e trala venda de 5000 exemplares, Gutiérrez vén de dar forma a unha terceira edición revisada e actualizada dun volume que, como sinala, naceu con “vocación académica e profesional”. 

luns 22 de xaneiro de 2018

Investigadores de CC da Educación e do Deporte realizan unha avaliación do rendemento aos deportistas

A preparación do Club Ciclista Rías Baixas comeza a definirse no campus

A información obtida nas diferentes probas permite definir unha serie de pautas para a preparación

Investigadores de CC da Educación e do Deporte realizan unha avaliación do rendemento aos deportistas

Obter unha serie de información que permita ao equipo técnico do Club Ciclista Rías Baixas identificar que aspectos deberá traballar cada ciclista para mellorar as súas prestacións sobre a bicicleta é o propósito da avaliación do rendemento á que nesta xornada se someten os integrantes deste equipo amateur de Nigrán na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. “Con estas probas, intentamos darlle ao adestrador unha serie de suxestións sobre cal sería o programa ideal de adestramento que eles poden desenvolver de xeito individual”, salienta o profesor da facultade Óscar García. 

luns 22 de xaneiro de 2018

Dúas estudantes de BBAA promoven unha exposición de traballos fotográficos de alumnado e egresados

Sete xeitos de entender a fotografía, reunidos na Casa das Campás

A mostra ‘Atelier f22’ poderá visitarse ata o 2 de febreiro

Sol Mussa Juane e Marta Pereira son as comisarias desta exposición

Da fotografía analóxica en branco e negro ao collage nacido do traballo con fotografías apropiadas, pasando por traballos de fotografía dixital ou por intervencións pictóricas sobre a imaxe. A expsoición Atelier f22 reúne deste este luns na Casa das Campás sete xeitos de abordar e traballar con esta técnica, pertencentes a sete artistas formados ou que se están a formar na Facultade de Belas Artes. Dúas alumnas deste centro, Sol Mussa Juane e Marta Pereira, son as comisarias dunha exposición que impulsaron como traballo para a materia Xestión, ámbitos artísticos e mundo profesional

venres 19 de xaneiro de 2018

A tese de Sergio Pérez Treus analiza os aspectos que determinan o rendemento na categoría de K1 200m

No piragüismo, os primeiros metros son decisivos

Nesta distancia, atopou unha alta correlación entre a potencia na fase de saída o resultado final

A súa investigación centrouse no kaiak individual. Foto: Federación Galega de Piragüismo

Coñecer que parámetros fisiolóxicos determinan o rendemento nunha modalidade, a de kaiak individual na distancia de 200 metros (K1 200m), na que a información científica era “moi reducida” dentro dun deporte pouco estudado como é o piragüismo foi o propósito central da tese de doutoramento de Sergio Pérez Treus, quen constatou a importancia que ten a fase de saída nesta modalidade. As medicións que realizou con kaiakistas de elite permitiron a este investigador constatar unha “alta correlación” entre a potencia relativa exercida nos dez primeiros metros co resultado final.

xoves 18 de xaneiro de 2018

Nun coloquio na EE Forestal, organizado xunto ao Programa Universitario para Maiores

A asociación DMD afonda no campus nas claves do testamento vital

O documento permite rexistrar a vontade dos pacientes sobre os tratamentos a recibir en estado terminal

Nun coloquio na EE Forestal, organizado xunto ao Programa Universitario para Maiores

No ano 2015, o pleno do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a lei 5/2015 de dereitos e garantías das persoas enfermas terminais, no que se regula o dereito das persoas a deixar constancia no chamado documento de instrucións previas ou testamento vital cal é a súa vontade respecto das actuacións médicas que poderían realizarse no caso dunha enfermidade terminal, como manter a respiración asistida, alimentación a través dunha sonda nasogástrica... Co propósito de dar a coñecer este procedemento, a asociación Dereito a Morrer Dignamente protagonizou un coloquio na EE Forestal.

xoves 18 de xaneiro de 2018

Dirixido polo profesor de Fisioterapia Gustavo Rodríguez, mantén aberta a súa inscrición

Un curso achega o uso terapéutico de pilates a estudantes e fisioterapeutas

Impartido polo fisioterapeuta Sebastián Jesús Aboal, desenvolverase nos meses de febreiro e marzo

Participantes na primeira edición do curso

Polo seu potencial para abordar a prevención e tratamento de lesións do sistema musculoesqulético, para o tratamento de lumbalxias, a recuperación posparto ou o traballo de equilibrio estático e dinámico, o método pilates constitúe un importante recurso terapeútico para os e as profesionais da fisioterapia. Con ese propósito, o profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez organiza por segundo ano un curso complementario centrado nos exercicios en chan, aberto tanto ao alumado como a titulados e tituladas.

mércores 17 de xaneiro de 2018

O coro do campus busca novos integrantes

Na procura de novas voces para seguir crecendo

A formación está aberta á participación tanto da comunidade universitaria como de persoas alleas a esta

O coro, durante a súa actuación na XXVI Gala do Deporte da Universidade de Vigo

Tras meses de ensaios, o coro do campus de Pontevedra ofrecía en decembro no Museo de Pontevedra o seu primeiro concerto en solitario, un recital tralo que esta formación vén de retomar os seus ensaios, aos que busca sumar novas voces, tanto dos integrantes da comunidade universitaria como de persoas alleas a esta. Segundo explica o seu director, o profesor Marco Lucato, “as persoas interesadas, que non teñen porque ter coñecementos musicais, simplemente teñen que acudir para inscribirse a un dos ensaios” que cada luns e xoves se desenvolven nesta facultade. 

mércores 17 de xaneiro de 2018

Once proxeccións e dous relatorios conforman a programación de ‘Polas súas obras coñecerédelos’

Personaxes en conflito protagonizan o novo ciclo de cine da Vicerreitoría

Con entrada libre, a actividade arrinca este venres na Casa das Campás co filme ‘A forza do destino’

A proxección de 'A forza do destino' abre este ciclo o venres 19

Personaxes ás que os seus códigos éticos e morais lévanos a oporse a algo ou a alguén, personaxes enfrontadas ás normas e formas de proceder de colectivos ou comunidades, suxeitos inadaptados, que tratan de vivir á marxe das convencións sociais... As once películas de diferentes xéneros e épocas que integran o ciclo de cine de primavera da Vicerreitoría do campus, que dá comezo este venres, teñen o seu fío de unión “no suxeito cun conflito interno, nun suxeito enfrontado, que se rebela contra o establecido”.

martes 16 de xaneiro de 2018

A través dunha intervención da alumna e artista Eva Monroy

Belas Artes achega a natureza a Unidade de Coidados Paliativos do Meixoeiro

A súa proposta toma como punto de partida as follas de dez tipos de árbores

Eva Monroy desenvolveu unha intervención artística neste espazo hospitalario

Achegar a natureza ás salas e corredores da Unidade de Coidados Paliativos do Hospital Meixoeiro de Vigo foi a premisa que a alumna de doutoramento de Belas Artes Eva Monroy empregou como punto de partida para a intervención artística que desenvolveu para este espazo hospitalario. Partindo dunha selección de dez árbores representativas da paisaxe galega e inspirándose nos debuxos científicos naturalistas, Monroy achegou aos corredores e as salas de reunións e familiares desta planta unha proposta artística xurdida das reunións e das necesidades expostas polo persoal. 

martes 16 de xaneiro de 2018

A Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nos abonos para o segundo cuadrimestre

Diferentes opcións para iniciar o ano en movemento

Do 22 de xaneiro ao o 4 de febreiro a comunidade universitaria terá acceso gratuíto ás instalacións e actividades

Durante dúas semanas, poderase acceder de xeito gratuíto ás actividades dirixidas

A chegada dun novo ano e dun novo cuadrimestre constitúen tamén unha boa oportunidade para poñer en movemento á comunidade universitaria e, con ese propósito, a Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nos abonos que permiten, no campus pontevedrés, facer uso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario e participar nas diferentes actividades dirixidas que promoven nestas instalacións. Co obxectivo de dar a coñecer os seus servizos, a área promove dúas semanas promocionais gratuítas, entre o vindeiro luns 22 e o 4 de febreiro, para toda a comunidade universitaria.

Seguinte | Última

1 de 332

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal