Campus de Ourense

venres 15 de febreiro de 2008

O equipo feminino volve á competición fonte ao San Xosé da Guía

Un derbi local entre o colista Campus e o líder Cefegal prato forte da xornada


O Campus Universitario ten nesta xornada unha nova, aínda que complicada oportunidade para rematar coa racha negativa que o persegue no que vai de tempada. A rivalidade ourensá co Cefegal Pavillón “será unha motivación extra para ambas partes, ademais de local, tamén haberá rivalidade persoal porque o seu adestrador foi o do Campus durante moito tempo e moitos dos seus xogadores pasaron por aquí, polo que nos coñecemos de sobra os uns aos outros e iso pode minimizar as diferenzas” expresou o adestrador, Nino Santos.
En canto ao equipo feminino, volve á competición esta fin de semana ante o San Xosé da Guía.

xoves 14 de febreiro de 2008

Grazas a un curso de formación promovido pola Área de Innovación Educativa

Os profesores aprenden a preparar os materiais docentes integramente con software libre

Os profesores do campus poderán preparar as súas clases integramente con programas de software libre grazas ao curso Elaboración de materias docentes empregando ferramentas informáticas gratuítas que está sendo impartido por Xosé Antón Vila Sobrino. Dende o pasado 6 de febreiro e ata a semana que vén, a ofimática libre é a protagonista deste curso pertencente ás accións formativas institucionais que a Área de Innovación Educativa desenvolve ao longo de todo o ano.

mércores 13 de febreiro de 2008

O proxecto é froito da cooperación coa Vicerreitoría

A Deputación de Ourense presenta un ambicioso programa de 100 becas internacionais para o campus

O campus de Ourense desmárcase do resto de Galicia ofrecendo o maior número de bolsas internacionais da comunidade para a realización de prácticas na Unión Europea. Cun total de 100 prazas nesta primeira convocatoria, o Programa Europeo de Bolsas Internacionais está promovido pola Deputación de Ourense en colaboración coa Vicerreitoría. Grazas a isto poténciase un dos principais obxectivos do EEES como é a mobilidade ademais de mellorar a cualificación dos titulados e facilitar así a súa posterior inserción no mercado laboral.

martes 12 de febreiro de 2008

Dirixido dende as unidades de Medicina Deportiva e de Actividade Física

Comeza o programa "Ponte en forma" para mellorar a saúde da comunidade universitaria

O proxecto Ponte en Forma comeza este mes no campus para achegar aos membros da comunidade universitaria á práctica do deporte. Mediante un programa de exercicios realizado por un licenciado en Educación Física, Guillermo Santos, e supervisado por un médico especialista, Juan José Crespo Salgado, todos os interesados poderán mellorar a súa saúde de xeito personalizado. O programa é a novidade estrela da Área de Deporte e Saúde que está composta pola Unidade de Medicina Deportiva e pola de Actividade Física Personalizada. Ambas traballan conxuntamente para darlle o respaldo profesional necesario aos participantes.

martes 12 de febreiro de 2008

Coa participación de membros da comunidade universitaria

Chega o suspense ao campus coa estrea da curtametraxe “El testigo”

Ás 20.30 no Edificio Politécnico

O campus énchese de suspense coa estrea hoxe da curtametraxe El testigo, no que a comunidade universitaria tivo un papel destacado coa participación de numerosos ex alumnos e incluso do profesor Daniele Tommasini. A proxección terá lugar este mércores no salón de actos do Edificio Politécnico ás 20.30 horas. O filme, de 24 minutos de duración foi producido e dirixido por Daniel Cid, que escolleu diferentes puntos da cidade de Ourense como escenario.

luns 11 de febreiro de 2008

Os de Nino Santos perderon 72-82 ante o Riazor na Coruña

Unha derrota nos últimos minutos continúa a mala racha do Campus Universitario

O Campus Universitario masculino sumou unha nova derrota por 72-82 na Coruña ante o Riazor. Desta vez, segundo o seu adestrador, Nino Santos, o partido “estivo nivelado, uns minutos estabamos nós arriba e outros eles, de feito, á falta de tres para o final íamos empatados pero pitáronnos dúas faltas, unha por antideportividade e outra técnica e perdemos” explicou, aínda que engadiu que “si puidemos gañar”.

luns 11 de febreiro de 2008

A exposición “Pintar o trono” estará no campus ata o 21 de marzo

Cámaras de seguridade e elementos de obra, a aposta de Fran Meana na sala Alterarte

Por medio de cámaras de seguridade e elementos de construción, Fran Meana pretende expresar a súa particular visión da arte contemporánea e, concretamente, das repercusións dunha revolución no eido da cultura. A súa exposición, baixo o título Pintar o trono, pódese visitar na sala Alterarte dende o 11 de febreiro e ata o vindeiro 21 de marzo. Ao acto de inauguración acudiron o autor e o comisario da exposición e coordinador do proxecto, Ignacio García, que comentou a importancia de fomentar a investigación artística dentro da Universidade.

venres 8 de febreiro de 2008

Chegará ao campus os días 21 e 22 de febreiro

Importante representación empresarial no Forumemprego 2008

Os interesados aínda poden inscribirse de xeito gratuíto

Co obxectivo de facilitar o acceso ao mundo laboral dos estudantes, a Vicerreitoría de Relacións Institucionais en colaboración coa Rede Eures e Eures Transfronteirizo Galicia/Norte de Portugal organiza a sétima edición do Forumemprego Universitario. As xornadas terán lugar entre os días 18 e 22 de febreiro nos tres campus e contarán coa presenza de destacados relatores de todos os axentes relacionados co mercado laboral. Os interesados aínda poden inscribirse de xeito gratuíto na web da universidade.

xoves 7 de febreiro de 2008

Ademais no mes de febreiro realizaranse múltiples actividades solidarias

O apadriñamento de avós, o desenvolvemento e a educación, novidades de voluntariado para o segundo cuadrimestre

Co segundo cuadrimestre chegan ao campus os novos programas de voluntariado, que se suman aos xa existentes. A través dos proxectos da ONG Amarante, da Asociación de Animación e Formación Xanela e do programa Apadriña un avó, os estudantes poderán destinar parte do seu tempo libre a accións solidarias. Ademais o mes de febreiro contará con múltiples actividades de sensibilización.

mércores 6 de febreiro de 2008

Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática:

“O noso obxectivo estratéxico é a incorporación dos nosos alumnos á empresa privada”

Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática estudou, curiosamente, Empresariais. Non sorprende, polo tanto, o seu desexo de encamiñar aos alumnos cara o mundo profesional e en concreto para afrontar con garantía e competencias suficientes o traballo na empresa privada. Trala recente creación do Colexio Profesional de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática e a firma dun convenio para financiar o primeiro máster da ESEI, Barreiro analiza o panorama da Escola que dirixe.

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

367 de 379

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal