Campus de Ourense

mércores 18 de abril de 2018

Este mércores arrancou unha nova edición das xornadas 'Cando Mario coñeceu a Clío...'

Vellas historias, novas perspectivas

A figura de Manuel Sueiro e o recreacionismo foron algúns dos temas abordados na primeira sesión

Este mércores arrancou unha nova edición das xornadas Cando Mario coñeceu a Clío...

Este mércores arrancou no campus de Ourense unha nova edición, a sexta, das xornadas Cando Mario coñeceu a Clío..., postas en marcha pola Delegación de Alumnos da Facultade de Historia coa colaboración do seu centro e da publicación El Octavo Historiador, feita por egresados e egresadas desta facultade. Co obxectivo de abordar o pasado pero desde unha perspectiva nova, comezou un amplo programa de conferencias nas que se aborda desde a produción escrita do xurista Manuel Sueiro ata a representación de Vincent Van Gogh en producións audiovisuais.  

mércores 18 de abril de 2018

A programación desenvolverase os días 23 e 25 de abril en Ciencias da Educación

Dous talleres e un seminario internacional afondarán no campus no libro-obxecto infantil

A perspectiva de xénero será unha das cuestións sobre as que traballarán expertas de diferentes países

A programación desenvolverase os días 23 e 25 de abril en Ciencias da Educación

O día 23 de abril celébrase o Día do Libro e aproveitando esta conmemoración, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acollerá a vindeira semana a celebración de dous talleres e un Seminario Internacional Libro-Obxecto e Xénero que afondarán no libro infantil como artefacto. A necesidade de abordar esta temática xorde, segundo explican desde a organización, tendo en conta o desenvolvemento que está tendo o mercado deste tipo de obras nos últimos anos e como estas publicacións mudan a forma de lectura tradicional.

martes 17 de abril de 2018

A cita celébrase desde este martes e ata o xoves no campus

O II Congreso Euroamericano de Dereito e Política arranca con máis dun centenar de comunicacións presentadas

Está coorganizado entre as universidades de Vigo e a Fluminense de Río de Janeiro

A cita celébrase desde este martes e ata o xoves no campus

Desde este martes e ata o xoves, o campus de Ourense acolle a celebración da segunda edición do Congreso Euroamericano de Dereito e Política, coorganizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e o Programa de Pós-Graduação em Justiça Administrativa da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, en Brasil. A cita cumpre o seu segundo ano superando o centenar de comunicacións e a asistencia de arredor de 150 persoas, medio centenar procedentes da outra beira do Atlántico. Nesta ocasión, o evento centra o seu interese no desenvolvemento sostible, tendo en conta o proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. 

martes 17 de abril de 2018

A andaina terá lugar o sábado 21 de abril

As rutas culturais achegaranse por primeira vez á praia das Catedrais

O prazo de inscrición está aberto ata o xoves

A andaina terá lugar o sábado 21 de abril

O sábado 21 de abril a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo organiza a ruta cultural número once da programación de andainas deste curso 2017/2018. Despois de visitar Corrubedo, o próximo destino destes roteiros será de novo o mar pero nesta ocasión o protagonismo será para a praia das Catedrais, en Ribadeo, e a súa contorna. Aproveitando a chegada do bo tempo, as e os participantes achegaranse a coñecer o monumento natural máis visitado de Galicia.

luns 16 de abril de 2018

Un grupo de docentes de Ciencias Empresariais e Turismo investiga neste eido

Analizan como a información e as certificacións inflúen na percepción que o consumidor ten do viño

Os primeiros datos recollidos apuntan a que se está disposto a pagar máis cando se ten información sobre o produto

Un grupo de docentes de Ciencias Empresariais e Turismo investiga neste eido

Investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense están a realizar un estudo sobre o efecto da información e as certificacións na percepción que o consumidor ten da calidade do viño. Na investigación, aínda en desenvolvemento, participaron xa arredor de 400 membros da comunidade universitaria ourensá na súa fase experimental. Os primeiros datos recollidos apuntan a que as e os participantes están dispostos a pagar máis cando teñen información previa sobre o produto.

luns 16 de abril de 2018

En xadrez o Universitario de Ourense B sorprendeu ante o Benchoshey Sénior

Unha fin de semana de desigual sorte para os equipos do campus

As xogadoras do Auriense FG acadaron unha vitoria fronte a Pontevedra

En xadrez o Universitario de Ourense B sorprendeu ante o Benchoshey Sénior

A actividade deportiva dos equipos do campus de Ourense deu desiguais resultados esta fin de semana. En xadrez destacou a vitoria contra prognóstico do Universitario de Ourense B ante o líder de grupo, o Benchoshey Sénior. En baloncesto, os xogadores sumaron unha axustada derrota na súa visita a Foz e en fútbol gaélico as xogadoras do Auriense acadaron unha vitoria fronte a Pontevedra e os xogadores perderon co Estrela Vermella.

 

venres 13 de abril de 2018

Así o anunciou o vicerreitor alemán durante a clausura da International Week

A Universidade de Bremerhaven convida a un estudante de Ciencias Empresariais e Turismo á súa escola internacional de verán

A iniciativa ten como obxectivo continuar estreitando os lazos entre as dúas institucións

Así o anunciou o vicerreitor alemán durante a clausura da International Week. Na imaxe con Elena Rivo e Elena de Prada

Desde o luns 9 de abril a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou a súa xa tradicional International Week, que permite ao seu alumnado compartir actividades académicas e lúdicas con estudantes e profesorado estranxeiro. Despois dun intenso programa académico e lúdico, a cita pechouse este venres coa entrega por parte da Universidade de Bremerhaven ao centro ourensán dunha bolsa para que un dos seus estudantes asista de balde á escola internacional de verán da institución académica alemá.  

venres 13 de abril de 2018

A Delegación de Alumnos da Facultade de Historia organiza unha nova edición destas xornadas

Sexto capítulo de 'Cando Mario coñeceu a Clío'

Será os días 18 e 19 de abril

A Delegación de Alumnos da Facultade de Historia organiza unha nova edición destas xornadas

Entre as actividades que cada curso organiza o alumnado do campus de Ourense están as Xornadas Cando Mario coñeceu a Clío..., postas en marcha pola Delegación de Alumnos da Facultade de Historia coa colaboración do seu centro e da publicación El Octavo Historiador, feita por egresados e egresadas desta facultade. Os días 18 e 19 de abril celebrarase a sexta edición dunha iniciativa que trata cada ano de fomentar o achegamento á historia desde un punto de vista diferente.

venres 13 de abril de 2018

Este venres clausurouse unha nova edición do curso de Afaor centrado nesta temática

20 novos estudantes formados para facer intervención socioeducativa con pacientes de alzhéimer

As entidades organizadoras amosaron o seu desexo de darlle continuidade á iniciativa

Este venres clausurouse unha nova edición do curso de Afaor centrado nesta temática

Este venres pechouse unha nova edición, a sexta, do Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas de Alzhéimer, unha iniciativa da Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) realizada co apoio da Fundación Dorzán, a Vicerreitoría do campus e a Facultade de Ciencias da Educación. Unha vintena de estudantes deste centro remataron un curso de formación especializada nun eido que, nunha das provincias, como é Ourense, e das comunidades autónomas, como é Galicia, máis envellecidas de Europa, demanda cada vez máis profesionais capacitados. 

venres 13 de abril de 2018

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense desenvolverase ata o 28 de abril

A Aula Rosaura arranca “sen pés nin cabeza” unha nova edición da Miteu

O campus participa a través do financiamento do certame e da actuación das aulas de teatro e danza universitarias

Debido ás condicións climáticas, a obra arrancou nos Xardíns Padre Feijóo pero continuou no interior do Liceo

“A nosa sombra acompáñanos, sabe de nós e móvese en sixilo, en perfecta sincronía. No espello: brazos e cabeza, pernas e tronco reflicten seres incompletos froito da desconexión coa contorna, cos outros, co futuro incerto. Quizais sexamos manequíns en perfecta desorde. Onde está o meu pé, onde a miña cabeza?”. Con este argumento e baixo o título Sen pés nin cabeza, a Aula Universitaria de Ourense Rosaura arrancou este xoves a programación dunha nova edición, a 23, da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal