Alumnado

venres 22 de agosto de 2008

O 70% dos estudantes de intercambio valoran como excelente a estadía no estranxeiro

Segundo unha enquisa realizada pola Universidade entre máis de 900 bolseiros

Ano tras ano as estadías no estranxeiro estanse a converter nunha opción moi demanda entre os universitarios. E é que a experiencia, tanto persoal como académica, que aportan os diversos programas de intercambio son altamente valoradas polos estudantes que tiveron unha destas bolsas. O 70% definen como excelente a súa estancia nas universidade de acollida, como se desprende dun estudo realizado pola Universidade de Vigo entre máis de 900 alumnos entre os cursos 2005-06 e 2006-07.

xoves 7 de agosto de 2008

É unha iniciativa da Fundación Matrix

Unha ducia de estudantes da Facultade de Bioloxía descobren os tesouros do parque das Fragas do Eume aos visitantes

O encoro do Eume Non todos os estudantes aproveitan o verán para descansar, e a aqueles aos que os exames de setembro obrigan a non afastarse dos libros, únense os que destinan estes meses a traballar. Este é o caso dunha ducia de estudantes da Facultade de Bioloxía que este verán comparten os seus coñecementos cos visitantes do parque natural das Fragas do Eume, o bosque costeiro mellor conservado de Europa.
Os estudantes acompañan aos visitantes, en grupos reducidos, nos percorridos que realizan polo parque onde teñen ocasión de descubrir un patrimonio natural de gran valor.

martes 29 de xullo de 2008

A partir do 18 de agosto

Apertura nocturna e en fin de semana da biblioteca de Torrecedeira e das centrais de Pontevedra e Ourense


Ante a proximidade dos exames extraordinarios de setembro, as bibliotecas centrais dos campus de Pontevedra e Ourense, así como a de Torrecedeira, ampliarán os seus horarios de apertura para facilitar o estudo a aqueles que teñen materias pendentes. Deste xeito, tanto polas noites como nas fins de semana, os estudantes que así o precisen disporán dun lugar axeitado para reencontrarse con libros e apuntes tralo período de descanso.

martes 1 de xullo de 2008

Do 17 ao 19 de xullo

Amai Rodríguez, titulada na 1ª promoción de Esdemga, única representante española na pasarela italiana ITS

A nova deseñadora xa fora galardoada en "Debut’ 07" e no "Ego de Cibeles"

Amai Rodríguez Coladas, alumna graduada na primeira promoción da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Esdemga, foi seleccionada para participar na prestixiosa pasarela internacional Its Fashion Show de Trieste en Italia. A recentemente titulada xa fora galardoada anteriormente no desfile Debut’ 07 que organiza a escola cunha Mención Especial do xurado e sendo elixida para amosar a súa colección no Ego de Cibeles o pasado mes de febreiro. Segundo comentou a directora da escola, Lola Dopico, “para o centro é algo moi importante, todo o que sexan acontecementos deste tipo significa que os nosos estudantes estanse formando ben e que se están asentando no mundo profesional”, explicou a responsable de Esdemga.

martes 1 de xullo de 2008

A primeira edición do certame Mundo Mineiro 2008 xa ten gañadores

Fátima Rodríguez, Jesús Casal e Constantino Fernández foron os premiados

José Manuel Mariño fixo entrega do 3º premio a Constantino Fernández A maza, Os tempos son chegados e Con e sen entibado son os títulos das tres imaxes que, trala deliberación do xurado, resultaron premiadas na primeira edición do certame Mundo Mineiro 2008. Ante o numeroso público e autoridades asistentes, os galardoados foron obsequiados cunha figura de porcelana, e percibirán ademais a contía monetaria da que está dotado o concurso. Carlos Arias, tesoureiro da Sociedade Mineralóxica Galega, que foi o encargado de dar a coñecer os nomes dos seleccionados felicitou a todos os que tomaron parte no certame pola “elevada calidade dos 101 traballos presentados”, segundo as súas verbas.

venres 27 de xuño de 2008

Organizada pola delegación de alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Arranca a Scul Party con 48 horas ininterrompidas de frenética actividade virtual

O director da ESEI e o vicerreitor visitan a Party Coa chegada dos numerosos participantes a primeira hora da mañá para ir collendo posicións fronte á pantalla dos seus ordenadores, arrancou a oitava edición da Scul Party no campus. O encontro, organizado pola delegación de alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática, suporá máis de 48 horas ininterrompidas de conexión á rede e frenética actividade virtual, onde a estrela segue a ser o intercambio de arquivos pero no que ademais, haberá outras actividades paralelas como a proxección de películas, torneos de xogos e concursos.

luns 23 de xuño de 2008

Os estudantes de Bioloxía presentan as súas propias medidas fronte ao cambio climático

Reducir o transporte privado ao campus, entre as propostas plantexadas

Vivenda, transporte e industria son algúns dos ámbitos aos que pertencen a vintena de proxectos que os estudantes da materia Ecoloxía, pertencente aos estudos de Bioloxía, desenvolveron ao longo do curso académico co obxectivo de propor solucións eficaces e economicamente viables para pór freo ao cambio climático. Trátase de evitar a expulsión á atmosfera de miles de toneladas de gases nun contexto marcado na nosa comunidade polo aumento das emisións de CO2 e outras sustancias de efecto invernadoiro.

venres 20 de xuño de 2008

No campus de Ourense examináronse 965 alumnos

As probas de Hª da Arte, Bioloxía, Química e Debuxo poñen punto e final á selectividade

O pesadelo no que para moitos estudantes se converteron estes últimos días por culpa da temida selectividade, rematou por fin coas probas de Historia da Arte, Bioloxía, Química e Debuxo Artístico, segundo a modalidade de bacharelato que cursara cada un. Aínda que algúns dos 965 alumnos que se examinaron no campus de Ourense xa fixeran onte os derradeiros exames, os que acudiron á ultima xornada das PAAU amosábanse máis tranquilos e cansos que nos días anteriores pero, sobre todo, con moitas ganas de rematar e celebrar por todo o alto que o mal trago xa pasou e que, para ben ou para mal, a sorte está botada.

xoves 19 de xuño de 2008

Latín, Matemáticas, Física e Xeografía foron parte das probas desta segunda xornada

Máis de 800 alumnos examínanse das materias optativas no ecuador da selectividade

O campus de A Xunqueira ten algunhas das notas de corte máis elevadas

Alumnos nas probas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Logo dos nervios do primeiro día, máis de 800 alumnos dos diferentes institutos de Educación Secundaria da provincia de Pontevedra enfróntanse, na segunda xornada de selectividade, aos exames das materias optativas que dan contido a cada especialidade. Deste xeito, rapaces de 12 centros da cidade desprazáronse ata a Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación e á Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal do campus para presentarse ás probas de Matemáticas e Física, para os da rama de Ciencias da Saúde e Científico Tecnolóxica, de Latín para a de Humanidades e de Xeografía para os de Ciencias Sociais. Durante a tarde continúan os exames de Debuxo Técnico, Electrotecnia, Mecánica, Ciencias da Terra e do Medio Ambiente, Tecnoloxía Industrial ou Grego, entre outras, segundo a modalidade de cada un.

mércores 18 de xuño de 2008

No campus de Vigo estanse a examinar 1742 estudantes

Buero Vallejo e García Márquez abren as probas de selectividade

Os nervios de primeira hora protagonizaron a xornada

La Fundación de Buero Vallejo, a novela Crónica de una muerte anunciada de Gabriel García Márquez, o romanticismo español ou un comentario crítico dun texto de Manuel Rivas foron algunhas das preguntas ás que se enfrontaron os alumnos que hoxe iniciaron no campus os seus exames de selectividade. En total 1742 estudantes realizaron as probas no campus de Vigo, repartidos entre a ETS de Enxeñeiros Industriais e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución e Bioloxía.

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

168 de 173

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal