Actividades Académicas

mércores 10 de outubro de 2007

Nunha visita ao Palacio da Xustiza e ao Colexio de Avogados

Os estudantes antes de entrar ao Palacio de Xustiza A Sala da Audiencia Provincial, os distintos xulgados e unha atractiva Sala de Recoñecemento foron algunhas dependencias que deixaron de resultar descoñecidas para un grupo de estudantes de primeiro de Dereito. Guiados polo vicedecano, Iago Fariñas, preto de trinta alumnos asistiron a unha tarde de visita polas principais instalacións xudiciais de Ourense: o Palacio de Xustiza e o Colexio de Avogados, onde contaron coas intervencións e consellos do xuíz decano, Antonio Piña; o secretario do xulgado social nº3, J.Luis Roig e o director da Escola de Práctica Xurídica, Alejandro Garrido.

mércores 10 de outubro de 2007

Os alumnos poderán realizar prácticas preprofesionais remuneradas

Formar profesionais cualificados para a xestión pública e privada da pesca é o principal obxectivo do Máster en Economía e Xestión da Pesca e da Acuicultura que este luns inicia a súa terceira edición. Como principal novidade desta edición, o máster refórzase ao abrirse a posibilidade de realizar prácticas preprofesionais remuneradas en empresas do sector.

martes 9 de outubro de 2007

Cunha xornada sobre mobilidade e telecomunicacións

No primeiro ano que a Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios ábrese ás universidades de Vigo e da Coruña, os campus de Ourense e Vigo acollerán cadansúa xornada sobre mobilidade e telecomunicacións. A sesión que se desenvolverá o mércores 7 de novembro, iniciarase pola mañá na E.T.S.E de Telecomunicación e nela tomarán parte como relatores Brian González, director xeral de Intel España y Portugal; Juan Miguel Márquez, director general de modernización administrativa del Ministerio de Administracións Públicas ou Pablo López, director de ventas e marketing de Tele2.

mércores 3 de outubro de 2007

Entrevista ao coordinador do I Curso de Educación Ambiental, Manuel Vidal

Ata o vindeiro 11 de novembro, unha quincena de titulados nas ramas da Educación participarán no I Curso de Formación en Educación Ambiental, organizado pola Universidade co fin de complementar a formación dos desempregados.
No seu transcurso afondarán nunha chea de problemáticas medioambientais e as mellores metodoloxías para concienciar aos distintos colectivos. Ao seu remate poderán incluír no seu currículo a categoría de educador ambiental; o que ,seguramente, lles abrirá novas portas do mercado laboral.

mércores 3 de outubro de 2007

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu o acto

Area e os representantes dos servizos A Universidade deu este mércores a benvida aos estudantes estranxeiros que este curso van estudar nas súas aulas, en total 424 alumnos procedentes de case 30 países, cifra a que haberá que engadir aqueles estudantes que se incorporen no segundo cuadrimestre. Os estudantes foron recibidos no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e os responsables de diferentes servizos universitarios que se encargaron de presentarlle a oferta formativa e de lecer para este curso

mércores 3 de outubro de 2007

Cátedra Fundación Caixa Galicia

Expertos no ámbito da innovación docente analizan este xoves o futuro do sistema de ensino, avaliando as amenazas e as debilidades e os cambios precisos para mellorar a formación dos alumnos.
Na xornada participarán os catedráticos Mariano Fernández Enguita, da Universidade de Salamanca, e Jurjo Torres, da Universidade da Coruña, xunto ao profesor da Universidade de Castellón Jordi Adell.

martes 2 de outubro de 2007

Esdemga busca modelos para o desfile de final de curso

A titulación de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda está a organizar un casting de modelos para o desfile de final de curso da primeira promoción. A selección terá lugar o vindeiro 19 de outubro ás 17.00 horas, na Facultade de Belas Artes. Búscanse un total de 18 rapaces sen importar o sexo, a beleza ou o peso. O único requiso esixido é medir máis de 1.70 centímetros. “Hai cabida para todos, o único que se pide e unha estatura mínima”, apunta Cristina Varela, subdirectora de Esdemga.

martes 2 de outubro de 2007

Inaugurado polo seu coordinador, Humberto Michinel

Os alumnos de Ourense accederán en exclusiva a 100 becas para traballar e aprender idiomas no estranxeiro

Juan Francisco Gálvez e Salustiano Mato O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, ademais de representantes doutras entidades, asistiron á sesión de apertura do posgrao interuniversitario orientado a formar especialistas no eido da fotónica e do láser. Nela, ademais de adiantar os contidos académicos, os asistentes percibiron a perspectiva actual deste mercado que move ao ano 2 billóns de euros, a cuarta parte do mercado mundial do automóbil. Dende operar miopía ata soldar carrozaría, múltiples son os eidos profesionais nos que poderán exercer os 24 alumnos matriculados. Pese a que inda non existe un forte núcleo ao que ter como referencia, en Galicia xa son moitos os que coñecen as vantaxes desta tecnoloxía. Algúns exemplos, invitados e presentes no acto a través dos seus representantes, son o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG, a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste, AIMEN, ou Radiantis.

luns 1 de outubro de 2007

Curso en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo

Desenvolverase ao longo de toda a semana

Os recentes cambios na lexislación sobre os fondos e plans de pensións, fan necesaria unha actualización dos coñecementos neste ámbito. Con este obxectivo de renovación, a Universidade de Vigo en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo organiza estes días un seminario que se desenvolve no Centro Social Caixanova.

luns 1 de outubro de 2007

Organizadas pola Asociación Universitaria, Syme

Ao carón doutras actividades e plan deseñados pola Universidade para os tres campus

Está en boca de todos, o medio natural corre grave perigo. Por sorte, colectivos da sociedade seguen a pular por mudar esta traxectoria fatal. É o caso da asociación medioambiental Syme, que, en forma de información e con conferenciantes de elevado prestixio, levará a cabo a primeira edición dun seminario centrado na relación existente entre natureza e lexislación.
Un esforzo no que conta co apoio incondicional da Vicerreitoría do Campus de Ourense, lista para dar comezo a outras accións e proxectos co fin de preservar os espazos verdes e converterse nun exemplo de utlización de novas enerxías.

Primeira | Anterior | Seguinte | Última

280 de 281

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal