Actividades Académicas

venres 17 de novembro de 2017

Coas xornadas internacionais que desenvolverá o 4 e 5 de decembro na Casa das Campás

Conferencias, exposicións e unha representación teatral integran un programa aberto ao público

As II Xornadas Internacionais José Saramago desenvolveranse en Pontevedra os días 4 e 5 de decembro

“A obra de Saramago caracterízase por unha íntima relación entre música, arte, literatura e un importante pulso sociopolítico”, salienta director da Cátedra José Saramago da Universidade, Burghard Baltrusch. De aí que comunicación, arte e política sexan tres dos aspectos a abordar na segunda edición das xornadas internacionais que esta cátedra dedica ao Nobel portugués e que, neste 2017, se achegan ata Pontevedra. Once conferencias e comunicacións, a exposición de traballos feitos polo alumnado e unha representación teatral integran o programa do evento que terá lugar na Casa das Campás.

venres 17 de novembro de 2017

'Videogamificación e sexualidades' celebrarase os días 28 e 29 de novembro

Organizadas por profesoras de Ciencias da Educación e de Enxeñaría Informática

'Videogamificación e sexualidades' celebrarase os días 28 e 29 de novembro

“A industria do videoxogo segue lonxe dos estándares de igualdade que debería manter”. Tendo en conta esta premisa e a importancia dos videoxogos no ocio e na formación na sociedade actual e co obxectivo de contribuír a mudar o papel da muller neste sector, as profesoras María Isabel Doval, da Facultade de Ciencias da Educación, e Alma Rodríguez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, organizan os días 28 e 29 de novembro as xornadas Videogamificación e sexualidades: identidades, xéneros e discursos interactivos. Consecuencias para a industria e a educación.

xoves 16 de novembro de 2017

Ceferino de Blas abordou nos Xoves do Vindel a divulgación xornalística do trobador e a súa obra

Destacou o labor do arqueólogo Oviedo y Arce e dos escritores Vesteiro Torres, Rodríguez Elías e Álvarez Blázquez

Ceferino de Blas abordou o tratamento que os xornais deron á figura de Codax e a súa obra

Sete séculos tivo que agardar Martin Codax para que a súa figura e a súa obra tivesen difusión a través dos xornais e dos libros, concretamente ata o 7 de xuño de 1876, cando o escritor vigués Teodosio Vesteiro Torres publicou no xornal ourensán El Heraldo Gallego a primeira noticia que daba conta do achado dun poeta do medievo, cuxo tema central era a ría de Vigo. O traballo de Vesteiro Torres viu a luz meses despois de que Ernesto Monaci editara o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana.

mércores 15 de novembro de 2017

Amparo Moreno pechou este mércores o ciclo 'Pensar o Cine' cunha conferencia sobre este tema

A iniciativa contou nesta novena edición con oito sesións sobre problemáticas relacionadas co xénero

Amparo Moreno, María Lameiras, Pablo Raúl Bonorino e Daniel González Lagier durante a clausura de 'Pensar o Cine IX'

Desde o pasado 4 de outubro e de xeito aproximadamente semanal, a novena edición do ciclo Pensar o Cine suscitou entre o alumnado da Facultade de Dereito asistente ás súas sesións a reflexión e o debate arredor de temas de actualidade relacionados coa sexualidade, a muller e a igualdade. Este mércores a actividade clausurouse abordando a cuestión da toma de decisións transcendentais sobre a súa sexualidade no caso das adolescentes. 

mércores 15 de novembro de 2017

As curtas ‘Matria’, ‘Aadat’ e ‘Share o no share’ centraron a primeira sesión desta máster class

A proxección completouse cun coloquio cos realizadores Álvaro Gago, Juan Hervella e Xisela Franco

Ramahí, Hervella, Gago e Franco

Curtas nas marxes é o título da sesión coa que, na tarde deste mércores, botou a andar a sétima edición de Augal, dedicada a achegar ao alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación tres estilos e tres experiencias profesionais dispares dentro do mundo das curtametraxes. Nunha sesión presentada pola profesora Diana Ramahí, os máis de 50 inscritos neste curso puideron intercambiar impresións con Xisela Franco, directora de Aadat, unha curta rodada nos campamentos de refuxiados de Tindouf; o ex-alumno Álvaro Gago, autor de Matria, premiada na Seminci de Valladolid; e Juan Hervella, responsable de Share o no share.

mércores 15 de novembro de 2017

15 novas tituladas e titulados exhibirán o xoves 23 nesta pasarela os seus proxectos de fin de estudos

O desfile verase complementado cun programa de talleres e conferencias ao longo da vindeira semana

O programa de Debut 2017 presentouse na Casa das Campás

Como unha “plataforma de visibilidade” para os novos titulados e tituladas, “que lles servise para mostrar o que están facendo e tamén como unha primeira ponte entre a vida académica e a vida laboral”, naceu hai doce anos, como lembra a directora de Esdemga, Lola Dopico, Debut, o desfile que o vindeiro xoves 23 de novembro porá baixo os focos do Pazo da Cultura os traballos de 70 estudantes e titulados. 15 egresadas e egresados estrearán as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos nun desfile que se complementará coa presentación dunha serie de traballos realizados, no marco da actividade académica, por máis de 50 alumnos e alumnas dos diferentes cursos da titulación.

mércores 15 de novembro de 2017

A Facultade de Historia acollerá o día 24 unha xornada sobre os catro grandes elementos

Expertos de diversas disciplinas falarán de diferentes aspectos da terra, da auga, do aire e do lume

A Facultade de Historia acollerá o día 24 unha xornada sobre os catro grandes elementos

Aproximadamente cada ano, a Área de Xeografía Física da Universidade de Vigo organiza na Facultade de Historia unha xornada que ten como obxectivo que o alumnado do centro “coñeza outras visións sobre o mundo no que vivimos”, tal e como sinala Miguel Ángel Álvarez, investigador desta área e organizador xunto a Elena de Uña desta actividade. Neste ocasión, a cita reunirá o día 24 de novembro a expertos procedentes de diversas áreas para abordar aspectos relacionados cos catro grandes elementos.

mércores 15 de novembro de 2017

Docentes da Universidade participan nun curso que imparte o profesor Carlos López Ardao

Docentes da institución participan nun curso que imparte o profesor Carlos López Ardao

Empregar o xogo fóra dunha contorna lúdica, o que se coñece como gamificación, é unha metodoloxía que incrementa cada vez máis a súa presenza en diferentes eidos, entre eles a docencia, xa que cada vez son máis os profesores e profesoras que optan por introducir na aula os elementos do xogo e a maneira de pensar do xogo. Para que o fagan empregando unha base formativa previa, a Área de Innovación Educativa organiza un curso para o persoal docente e investigador centrado especificamente na gamificación na docencia universitaria que imparte o profesor da EE de Telecomunicación José Carlos López Ardao. 

martes 14 de novembro de 2017

Alumnado e profesorado do campus participa na EE Forestal nun curso de formación en igualdade

Froito dun convenio entre Universidade e Deputación, desenvolve neste cuadrimestre o seu primeiro módulo

O curso desenvólvese na EE Forestal

“Os estereotipos de xénero inflúen en todas as facetas da vida, vanse transmitindo a través das familias, dos medios de comunicación, da propia escola... e moitas veces non es consciente de que estás asumindo un papel que non che corresponde bioloxicamente”, salienta a investigadora María Lorenzo, unha das docentes do curso de formación en igualdade que, ao abeiro dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, forma nestas semanas no campus a alumnado e profesorado na detección e o combate da desigualdade de xénero nas aulas.

martes 14 de novembro de 2017

A través dun obradoiro impartido polo egresado Carlos Seijo, do estudo Maxina

En dúas sesións puideron achegarse a campos como a realidade aumentada ou os contidos ‘real time’

O alumnado puido probar o casco HTC Vive

Camiñar polo estudio de Francis Bacon sen saír da facultade. Esta foi unha das experiencias que este martes puido vivir o alumnado de Belas Artes no marco dun obradoiro sobre vídeo 360 e realidade virtual impartido polo egresado e director do estudo Máxima, Carlos Seijo. A creación de contidos 3D, de realidade aumentada, o vídeo e a fotografía esféricas ou, neste caso, os contidos real time, que permiten a través dun casco desprazarse por un espazo tridimensional como o estudo de Bacon, que esta produtora recreou para o Guggenheim, foron algúns dos contidos abordados no taller.

Seguinte | Última

1 de 281

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal