venres 10 de novembro de 2017

Segundo recolle unha investigación do grupo Remoss, de Ciencias da Educación e do Deporte

O uso de aletas reduce de forma significativa a distancia percorrida nun rescate acuático

Na simulación dun rescate a 75 metros realizada,o percorrido total diminuía en preto dun 20%

Eduardo Muñiz | Pontevedra

O uso de materiais de rescate como aletas ou tubos tense amosado como un valioso aliado para os e as profesionais do socorrismo, ao contribuír a diminuír o tempo investido nunha intervención no que cada segundo gañado aumenta as posibilidades de supervivencia da vítima. Mais, como constatou o grupo de investigación Remoss (Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo), nun estudo recentemente publicado na revista Wilderness & Environmental Medicine, non o son só por facer máis rápido o rescate, senón tamén porque “reducen de forma significativa o total de metros percorridos polo socorrista”, como explica Roberto Barcala, investigador principal deste grupo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Concretamente, nesta publicación, os investigadores dan conta dun estudo de campo levado a cabo na praia coruñesa de Oza con socorristas profesionais, que realizaron unha simulación de rescate dunha suposta vítima, neste caso un manequín de socorrismo de 70 quilos, situada a 75 metros da beira. “No mar, o efecto das ondas e das correntes fan que a traxectoria do nadador non sexa completamente rectilínea e o uso de aletas permíteche mellorar a propulsión co que non só tardas menos, senón que percorres menos metros nadando”, explica Barcala.

De feito, no traballo de campo recollido neste artigo o número total de metros percorrido situábase de media nos 326 sen o uso deste material, fronte aos 265 na proba realizada con aletas. “Se a traxectoria fose completamente rectilínea, a distancia sería de 150 metros, pero no mar iso é imposible”, explica Barcala, que asina este estudo xunto aos investigadores do grupo Ezequiel Rey e Cristian Abelairas, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, recentemente recoñecido co premio Ian Jacobs do European Resucitation Council; o coordinador do grupo GIAAS da Universidade da Coruña José Palacios; Sergio López, da Universidad Pontificia de Salamanca, e os investigadores da Universidad Europea del Atlántico Antonio Bores, Javier Costas e Marcos Mecías, quen centrou a súa tese de doutoramento, defendida nesta facultade do campus pontevedrés e dirixida por Barcala e Palacios, nos materiais de rescate empregados en socorrismo.

Menos tempo e menor fatiga

O estudo realizado na Coruña confirmou tamén a redución de tempo que implica o uso das aletas, de tal xeito que na proba realizada sen estes materiais, os e as socorristas participantes investiron un total de 319 segundos no rescate, fronte aos 216 que supuxo de media co uso destes elementos. “Aínda que xa fixeramos outro tipo de traballos sobre o uso destes materiais, en ningún analizaramos que efecto tiñan na distancia do rescate, de tal xeito que non é só que un material sexa mellor, senón que se che ofrece unha boa propulsión nadas menos, porque rompes a inercia que xeran as ondas e as correntes e iso é o novidoso deste traballo”, apunta Barcala da conclusión á que chegaron grazas a uso de dispositivos GPS no traballo de campo realizado cos socorristas.

“Por cada minuto que retrasamos, no caso de que a vítima estivese en parada, o inicio da reanimación cardiopulmonar, as posibilidades de supervivencia descenden entre un 10% e un 12%”, engade o investigador de Ciencias da Educación e do Deporte, que incide nese senso no valor deste tipo de materiais, “que son os que máis se usan” por parte dos socorristas, na redución da fatiga que produce nas e nos profesionais, que ten efectos negativos na calidade da reanimación cardiopulmonar realizada. De feito, nas probas realizadas para este estudo, a calidade da RCP diminuía entre un 26% e un 28% tralo rescate. E aínda que, como recoñece Barcala, os resultados non poden extrapolarse a outras distancias “é probable que canto maior sexa a distancia do rescate, maior sexa tamén a redución de tempo e metros nadados” grazas ao uso de aletas, “que son o mellor aliado para o socorrista”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal