mércores 8 de novembro de 2017

O resultado será esencial para avanzar na investigación gramatical e didáctica da LSE

Filólogas da Universidade coordinan a elaboración do corpus anotado da lingua de signos española Coralse

Preséntase esta semana á comunidade xorda internacional nun que encontro que se celebra en Lisboa

D. Besadío | Vigo

Unha mostra real da lingua existente, tendo en conta as posibles variacións a nivel xeográfico, xeracional e de xénero, algo que aínda non existe en España. O grupo de investigación Griles da Universidade de Vigo está elaborando o Corpus Anotado da Lingua de Signos Española, un traballo que porá a disposición das e dos investigadores, docentes e usarios gran cantidade de mostras e exemplos de uso que contribuirán á descrición desta lingua.

“A elaboración dun corpus de referencia e anotado de todo o estado español vainos permitir garantir a descrición e a análise da lingua de maneira exhaustiva, ademais de converterse nun documento indispensable para afrontar accións normalizadoras que sirvan para conformar unha visión global da lingua e da súa comunidade de signantes”, explican as profesoras Ana Fernández Soneira e Inmaculada Baez, investigadoras principais do grupo Griles, un equipo con vinte anos de experiencia en traballos relacionados coa LSE e do que na actualidade forman parte 15 investigadoras e investigadores de todo o estado.

Mostras en vídeo de signantes de toda España

Bautizado como Coralse (Corpus Anotado de Lengua de Signos Española), o corpus consta dunha serie de mostras de signantes de Galicia e outros puntos de España que foron gravadas en vídeo. “Seguindo os modelos dos corpus de linguas de signos xa existentes elaboramos unha serie de probas co obxectivo de obter información gramatical pero tamén sociolingüística, léxica e cultural da LSE”, apunta Inmaculada Báez, ao tempo que explica que estas gravacións vanse almacenar nunha base de datos que terá dúas partes: unha de consulta aberta en liña e outra restrinxida para a comunidade investigadora. “En ambos casos a transferencia do coñecemento está asegurada posto que achegará, por unha banda, mostras reais de lingua que poderán ser empregadas en contextos educativos ou investigadores e, por outra banda, a información recollida nas tarefas de anotación permitirá avanzar na descrición lingüística da LSE”, recalca a docente.

Desde o seu punto de vista, como expertas nesta materia, este corpo será esencial para axudar a mellorar a educación das persoas xordas, xa que os docentes poderán contar con material descritivo e didáctico da súa propia lingua e unha ampla selección de textos académicos e científicos. “Este obxectivo é especialmente relevante para nós, pois consideramos inaprazable a implantación de estudos filolóxicos de LSE, xa que a día de hoxe non contamos con ningunha titulación universitaria que prepare aos profesores/ profesionais desta lingua”, recalcan as investigadoras, que fan fincapé no feito de esta ferramenta axudará a lograr non só unha mellor formación dos profesionais da LSE (en docencia, mediación, interpretación, asesoría…), senón tamén converterse nunha ferramenta esencial para a realización de estudos lingüísticos, gramaticais, fonolóxico, léxicos, sociolingüísticos…

En canto ás principais dificultades da posta en marcha dun traballo deste tipo as responsables de Griles fan fincapé en que o proceso de elaboración non é sinxelo xa que ás características que se poden atopar na creación dun corpus dunha lingua oral hai que engadirlle outras particularidades relacionadas coa canle de transmisión das linguas signadas. Neste sentido explican, por exemplo, que as gravacións esixen unhas condicións mínimas para garantir a boa calidade das mostras: luminosidade, características técnicas das cámaras de vídeos, etc. “Por outra parte, o proceso de transcrición e anotación require o uso de ferramentas e recursos dixitais que xa están deseñados para estes fins co obxectivo de proporcionar uns parámetros comúns aos corpus de todas as linguas de signos do mundo”, recalca Soneira.

Financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade

O proxecto acaba de rematar a súa primeira fase e os primeiros resultados foron xa debatidos en congresos de lingüística de corpus e lingüística xeral das universidades de Málaga, Alcalá, no centro de accesibilidade de Toledo e no Centro de Normalización de Lengua de Signos Española (Madrid) e presentaranse esta semana á comunidade xorda internacional que conmemora en Lisboa, mañá xoves e pasado venres, os 10 anos de Língua Gestual Portuguesa na Universidade Católica Portuguesa.
Financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, este traballo enmárcase no ámbito dos estudos orientados a fomentar a convivencia entre culturas e linguas tendo en conta contextos multiculturais e plurilingües e, máis especificamente, a conseguir a accesibilidade ao coñecemento e á cultura de e para as persoas xordas.

Colaboración das diferentes confederacións de persoas xordas

A xuízo das investigadoras viguesas, o traballo en documentación lingüística dende unha perspectiva sincrónica, plasmado na recollida de mostras signadas reais de informantes xordos de diferentes lugares de España e de diferentes idades, vai permitir coñecer a variación lingüística desde a óptica científica, obter datos sobre a situación sociolingüística dos signantes españois e deseñar gramáticas, bases léxicas, etc. a partires de situacións reais de comunicación.
“Tivemos a sorte de contar coa colaboración do movemento asociativo de persoas xordas. A Federación galega de persoas xordas (FAXPG), as asociación de xordos de Sevilla, Álava e Tenerife foron esenciais na selección de informantes e o centro de Normalización de la lengua de signos española (CNLSE) foi un grande apoio na toma de decisións sobre as probas que se elaboraron para o corpus e continuamos na selección de signantes e mostras de fala de Andalucía (Granada) e outras comunidades de xordos do estado español”, explica Ana Fernández Soneira.
Ademais da Unviersidade de Vigo participan tamén o Institut d´ Estudis Catalans, a Universitat Pompeu Fabra e o Basque Center for Cognition, Brain and Language, cuxos especialistas contan tamén co apoio de profesionais doutras universidades españolas e a colaboración de todos e cada un dos e das informantes lingüísticos, así como do persoal que levou a cabo as entrevistas.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal