venres 10 de novembro de 2017

Nenas e nenos puideron degustar estes froitos no magosto celebrado no centro

O outono recende a castañas na Escola Infantil

No marco das actividades vinculadas a esta estación desenvolvidas nas últimas semanas

Duvi | Pontevedra

Como colofón a unhas xornadas na que o outono constituíu o eixo das actividades que se desenvolven nas súas aulas, a celebración e o recendo a castañas marcaron este venres na Escola Infantil do campus. Coa colaboración das familias e do servizo de cociña do centro, nenos e nenas puideron degustar nesta xornada os froitos máis populares do outono, nun magosto no que a degustación de castañas asadas e cocidas se completou con música e xogos. “É unha actividade que facemos todos os anos, porque os magostos son unha das tradicións máis típicas desta época do ano”, salienta a directora da Escola Infantil do campus, Ángeles Rodríguez, dunha actividade que dá continuidade as propostas desenvolvidas nas últimas xornadas.

“Nestes días, estiveron manipulando obxectos típicos destas datas, como piñas e decorando tamén a coroa”, presidida por unha castaña, que o alumnado da escola portaba nesta celebración xunto ao profesorado da escola, que se encargou de decorar o centro con diferentes motivos outonais.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal