venres 10 de novembro de 2017

O vindeiro martes arranca a quinta edición do Ciclo de Conferencias de Dereito Concursal

Un lustro achegando ao campus destacados expertos en lexislación concursal

Serán cinco sesións de conferencias e relatorios ao longo do mes

M. Del Río | Vigo

Dentro do eido do Dereito Mercantil, a lexislación concursal é unha das que más cambios ten experimentados nos últimos anos, polo que a actualización de coñecementos é básica tanto para estudantes como para profesionais. Por este motivo, hai xa cinco anos naceu na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o Ciclo de Conferencias de Dereito Concursal, que dirixen os profesores Anxo Tato e Julio Costas e coordina o docente Pablo Fernández Carballo-Calero. O vindeiro martes 14 arranca a quinta edición deste programa, que ao longo deste mes achegará ao campus a destacados expertos neste eido. A finalidade é que expliquen “cal a súa relación co Dereito Concursal no seu día a día e, de feito, este ano contamos cun letrado da administración de xustiza, un maxistrado, un profesor de universidade, un administrador concursal e un avogado”, explica Fernández Carballo-Calero.

Segundo o docente, o principal reto ao que se enfronta o dereito concursal na actualidade é reverter unha situación na que máis do 90% dos concursos finalizan coa liquidación do patrimonio do debedor e non co convenio, que é a solución preferida polo lexislador”. Ao longo de cinco xornadas de debate, os relatores farán referencia, de maneira directa ou indirecta, a esta problemática.

O ciclo arranca este martes coa conferencia de José Tronchoni, secretario coordinador Provincial de Pontevedra, que falará sobre a función do letrado da administración de xustiza no concurso. A segundo sesión será o luns 20 deste mes, coa intervención de Pablo Villarino, socio de Etlabora Abogados, que explicará os aspectos laborais do concurso. Ao día seguinte será a quenda de Guillermo Velasco, profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Boloña e decano da Facultade de Dereito do Colexio Universitario de Estudos Financeiros, que afondará na responsabilidade dos administradores concursais. A cuarta sesión terá lugar o día 24 coa presenza de Rafael García, profesor de Dereito Mercantil da Universidade da Coruña, que centrará o seu relatorio na declaración de concurso. O ciclo pecharase o día 28 de novembro, coa intervención de Francisco Javier Menéndez, presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra e especialista en asuntos mercantís, que achegará aos asistentes ao recoñecemento de créditos no concurso.

A relación entre a crise e o a lexislación concursal

Nun contexto de crise económica, no que moitas empresas acaban inevitablemente nunha situación crítica, o dereito concursal ten ocupado un espazo central na lexislación mercantil. De feito, segundo explica Fernández Carballo-Calero, “a lexislación concursal foi unha das que máis cambios experimentou” derivados das necesidades do momento. De feito, o profesor remarca que se “a lexislación sempre vai por detrás da realidade, no ámbito das crises empresariais esta afirmación cómprese máis que en ningún outro”. Así a crise económica provocou “continuas modificacións da Lei Concursal 22/2003, de 9 de xullo, que, a través por exemplo das institucións preconcursais ten tratado de favorecer o acordo entre o debedor e os acredores para a continuación da actividade da empresa do debedor concursado”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal