xoves 9 de novembro de 2017

A máster class patrocinada pola Agadic arrinca a vindeira semana en CCSS e da Comunicación

Augal propón en Pontevedra oito oportunidades de achegarse ao audiovisual galego en pantalla grande

Longametraxes, series, curtas, un documental e unha conferencia integran o programa da sétima edición

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Desde o seu nacemento en 2010, a Máster Class Audiovisual Galego Augal achegou á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación máis de 60 profesionais do audiovisual galego, que presentaron preto de 50 producións nun curso que completaron 800 estudantes e que achegou a preto de 5000 persoas ás súas diferentes proxeccións. Con estas cifras como balance, o curso coordinado polos profesores Miguel Anxo Fernández, Paulino Pérez e Fortunato Rodríguez co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), presentou este xoves a súa sétima edición, que entre os meses de novembro e abril achegará ao campus longametraxes como as premiadas Mimosas e Dhogs, filmes de animación como O Apóstolo, documentais, series e curtametraxes. Todas as proxeccións veranse complementadas con coloquios cos realizadores ou membros do  equipo técnico nunha iniciativa dirixida a ampliar a formación do alumnado de Comunicación Audiovisual, pero que á vez supón “unha oportunidade para ver cinema galego en pantalla grande”, como salientou Pérez.

O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, presentaron xunto a Pérez a programación da sétima edición dunha máster class que, como salientou este último, “tamén é unha oportunidade para a xente de Pontevedra de poder suplir esa carencia que temos en Galicia de poder ver cine galego”. Oito xornadas de proxeccións e unha conferencia de clausura integran un programa no que se tentou reunir diferentes tipos de producións e sumar á presenza de directores ou produtores unhas “pinceladas técnicas en ámbitos como a dirección de arte, de fotografía e de son”, coa presenza das e dos responsables destes ámbitos en varias das xornadas.

“Co proxecto de Augal cumprimos dúas premisas que consideramos fundamentais, dar visibilidade aos proxectos audiovisuais galegos e tamén poñer en contacto aos seus creadores e produtores co seu público”, salientou Sutil nesta presentación, na que amosou a súa vontade de “continuar moito tempo máis con este proxecto”. O vicerreitor do campus pola súa banda destacou o papel deste curso á hora de dar visibilidade ao audiovisual galego e ás e os profesionais, entre os que “se incorporan cada vez dun xeito máis natural ex-alumnos e ex-alumnas” da Universidade, que retornan ao campus para dar conta da súa experiencia como produtores, directores ou guionistas neste curso.

Nas tardes dos mércores, de novembro a abril

Con todas as sesións programadas para os mércores ás 16.00 horas, Augal bota a andar o 15 de novembro o cunha sesión dedicada ás curtas, na que o egresado Álvaro Gago presentará Matria, recentemente premiada na Seminci de Valladolid; Juan Hervella achegará a comedia negra Share o no share e a artista e realizadora Xisela Franco presentará Aadat. O 22 deste mes, proxectarase o documental A batalla descoñecida de Paula Cons, un filme que aborda a loita polo wolframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, mentres que o 3 de decembro exhibirase a miniserie Salgadura, coa presenza da súa directora de arte, Marta Villar. Para pechar 2017, Augal acollerá o 20 de decembro a presentación de Dhogs, de Andrés Goteira, un filme que vén de ser premiado no Festival de Cine Fantástico de Sitges.

Augal retornará o 7 de febreiro con O Apóstolo, “unha das películas de animación máis caras da industria española” que permitirá abordar co seu director, Fernando Cortizo, a técnica do stop-motion, e o 14 de marzo inaugurará unha sección “que ata o de agora tiñamos por pinceladas”, Curtas desde a UVigo, na que se proxectan traballos realizados polo alumnado e premiados en diferentes certames. Neste caso, trátase de Luscofusco, de Johnny Wolfmor, Bostezó y el perro casi se trata mi drama, de Noemi Parga, e Astral, de Jorge Fernández. Ese mesmo mes, o ciclo achegarase tamén á ficción televisiva coa participación de Xerardo Rodríguez, director de Fontealba, serie de periodicidade diaria que, como lembraba Pérez, vén de “acadar un fito como chegar aos 200 capítulos”.

Xa en abril, proxectarase en CCSS e da Comuniación Mimosas, o filme do ex-alumno da facultade Oliver Laxe premiado no Festival de Cannes, nunha sesión na que se porá o acento no son coa participación do seu editor Emilio García. Por último, o 18 dese mes, Augal celebrará a súa clausura cunha conferencia co guionista Miguel Barros.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal