Campus de Pontevedra

mércores 25 de abril de 2018

A súa candidatura obtivo 39 votos a favor e 14 en contra na votación celebrada en Xunta de Facultade

Vicente Romo, reelixido decano de Ciencias da Educación e do Deporte

Entre os obxectivos para o mandado, salientou a obtención da certificación do sistema de calidade do centro

Os integrantes do novo equipo decanal Esther Martínez, Mercedes Varela, Óscar García, Vicente Romo, Uxío Pérez e Ezequiel Rey

O profesor do Departamento de Didácticas Especiais Vicente Romo continuará tres anos máis á fronte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, despois de que a súa candidatura, a única presentada no proceso electoral aberto no centro, recibise o apoio do 72% dos e das integrantes da Xunta de Facultade presentes na votación celebrada este xoves. Con 39 votos a favor, 14 en contra e un en branco, Romo, que permanece á fronte da dirección desta facultade desde maio de 2015, estará acompañado neste mandato por tres integrantes do anterior equipo, Esther Martínez, Ezequiel Rey e Uxío Pérez, xunto cos docentes Mercedes Varela e Óscar García.

mércores 25 de abril de 2018

Pór en valor a figura do ‘commuity manager’ é un dos obxectivos do Día das Redes Galegas

CCSS e da Comunicación reivindica, en galego, ás e aos profesionais das redes sociais

Dúas egresadas e un egresado do centro abordaron as súas experiencias profesionais neste eido

Pór en valor a figura do ‘commuity manager’ é un dos obxectivos do Día das Redes Galegas

Unha “xornada de exaltación” da figura dos e das xestores de comunidades virtuais, das redes sociais e da presenza do galego na rede. Deste xeito presentaba o profesor Xabier Martínez Rolán o Día das Redes Galegas, o evento que, con este triplo obxectivo, acolleu nesta xornada a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Tres profesionais formados no centro achegaron as súas experiencias neste eido a unha xornada na que tamén se abordou o proxecto Youtubeir@s.

martes 24 de abril de 2018

A exposición fotográfica ‘Amar non é delito’ pode verse en Ciencias da Educación e do Deporte

Amnistía Internacional amosa no campus os rostros da loita contra a homofobia e a transfobia en África

A organización promove esta tarde un coloquio sobre os dereitos do colectivo LGTBI

A exposición fotográfica ‘Amar non é delito’ pode verse en Ciencias da Educación e do Deporte

Rostros como os de James Mwape e Philip Mubiana, dous mozos de Zambia que permaneceron máis dun ano en prisión preventiva por ter mantido “relacións carnais mutuas” protagonizan as fotografías que nestas semanas Amnistía Internacional exhibe na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Da man do seu grupo de Pontevedra, pode verse na cidade a mostra Amar non é delito: a nosa loita en África, unha exposición fotográfica integrada por 27 láminas que aborda a loita polos dereitos humanos das persoas LGTBI en diferentes países africanos.

martes 24 de abril de 2018

Docentes de diferentes países imparten unha serie de conferencias nesta facultade

Turquía e as identidades dixitais abren a semana internacional de Ciencias Sociais e da Comunicación

O investigador turco Murat Seyfi impartiu o primeiro dos relatorios

 Conferencias en inglés centran o programa desta iniciativa

A evolución dos e das profesionais das relacións públicas en Turquía ao longo das últimas décadas e a “segregación socio-espacial” que poden xerar as tecnoloxías da información e da comunicación e as redes sociais foron os dous temas cos que, da man do investigador turco Murat Seyfi, da Gaziosmanpaşa Üniversitesi, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deu inicio este martes á súa International Week. Inserida no plan de internacionalización do grao en Dirección e Xestión Pública, esta semana ten como obxectivo impulsar as relacións internacionais da facultade.

martes 24 de abril de 2018

O equipo pontevedrés caeu por 1,5-4,5 fronte aos composteláns, que gañan o título autonómico

O EXP-UVigo cae ante o USC e despídese do campionato

O conxunto universitario mantense en segunda posición, empatado co Xadrez Ourense

O equipo pontevedrés caeu por 1,5-4,5 fronte ao equipo compostelán, que gaña o título autonómico

Na penúltima xornada da competición na División de Honra do xadrez galego, a Casa da Luz acolleu a pasada fin de semana o enfrontamento entre o primeiro e o segundo clasificado, que deixou ao Escola de Xadrez-Pontevedra-Universidade de Vigo-Estratexia pola Paz sen opcións de repetir o título acadado a pasada tempada. O equipo pontevedrés chegaba a esta xornada con catro puntos de desvantaxe con respecto do seu rival, o equipo da USC, que logrou matematicamente o campionato grazas á súa vitoria por 1,4-4,5.

luns 23 de abril de 2018

Os candidatos a reitor chaman á participación da comunidade universitaria

Voto a voto, a Universidade máis preto de elixir novo reitor e Claustro

As mesas pecharán ás 19.00 horas e o escrutinio coñecerase en tempo real

Xornada electoral na EE Industrial

Ás 10.00 horas abrían as 24 mesas electorais nas que, os máis de 20.200 integrantes da comunidade universitaria con dereito a voto, poden exercer o seu dereito para elixir a quen será o sexto reitor da Universidade de Vigo, así como o novo Claustro. A falta de sobres para o PAS rexistrada nun centro e que foi arranxada coa reposición dos mesmos antes do inicio da votación, foi a única incidencia que se produciu ata o momento nunha xornada electoral que se prolongará ata as 19.00 horas. A partir de aí procederase ao reconto e ponderación dos votos, un proceso que poderá seguirse en tempo real a través dunha aplicación á que se pode acceder na páxina web especialmente desenvolvida pola Universidade para este proceso electoral.

venres 20 de abril de 2018

A EE Forestal acolle o vindeiro venres 27 o Atlantic Geospatial Day

Unha xornada afondará no campus nas aplicacións da tecnoloxía xeoespacial no sector forestal

O uso de drones e tecnoloxías láser e as misións Sentinel da ESA centran o programa

 A EE Forestal acolle o vindeiro venres 27 o Atlantic Geospatial Day

Servir como punto de encontro entre desenvolvedores, usuarios e empresas do sector da tecnoloxía xeoespacial é o propósito co que, en 2016, naceu o Atlantic Geospatial Day, unha iniciativa impulsada polo mestrado en Xeoinformática, e que tras celebrar as súas primeiras edicións na EE de Telecomunicación, trasládase o vindeiro venres 27 á Escola de Enxeñaría Forestal. “Este ano orientamos a xornada a un ámbito no que as tecnoloxías xeoespaciais pensamos que poden ter moito percorrido, como é todo o que ten que ver coas ciencias da terra, os recursos naturais e a ordenación do territorio”.

venres 20 de abril de 2018

Nuns comicios aos que concorren partidos creados polo alumnado, a vitoria foi para a formación O Cártel

Máis de 200 persoas participaron nas eleccións ficticias de Ciencias Sociais e da Comunicación

A formación gañadora obtivo 93 votos, rematando en segundo lugar Xeración X con 59

Un intre do reconto de votos

A Universidade de Vigo vive este venres a xornada de reflexión previa á celebracióndas eleccións á Reitoría. Mais na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vén de completarse un proceso electoral ben distinto, unhas eleccións ficticias que, no marco das actividades dunha materia do grao en Publicidade e RRPP, enfrontan a catro partidos creados para a ocasión polo alumnado, que se xogan nestes comicios unha parte da súa nota. Comicios nos que O Cártel, unha formación inspirada na serie de televisión Fariña, logrou a vitoria con 93 votos.

xoves 19 de abril de 2018

Especialistas e profesionais do sector literario reúnense no Pazo da Cultura nun foro internacional

Un congreso pon en valor a investigación como o motor para levar a literatura á infancia

Con 125 inscritos e inscritas, céntrase na figura mediadora que selecciona e achega os produtos literarios aos nenos

Especialistas e profesionais do sector literario reúnense no Pazo da Cultura nun foro internacional

“Na base do achegamento da infancia á literatura, as lecturas das que nós lles proveamos van determinar o seu futuro como lectores ou lectoras competentes”, salienta a profesora Isabel Mociño, coordinadora, xunto coa tamén docente da Universidade de Vigo Eulalia Agrelo e a coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, Eva Mejuto, do I Congreso Internacional de Mediación Lectora, que desde este xoves se desenvolve no Pazo da Cultura. Faino poñendo o foco na importancia da investigación como a chave que achegará unha “formación sólida” aos mediadores e mediadoras, as figuras responsables de proporcionar e recomendar lecturas a nenas e nenos.

xoves 19 de abril de 2018

A Máster Class Audiovisual Galego celebrou a súa clausura en CCSS e da Comunicación

A sétima edición de Augal reuníu a máis de 150 estudantes con profesionais do audiovisual galego

A entrega de diplomas viuse precedida por unha conferencia do guionista Miguel Barros

A Máster Class Audiovisual Galego celebrou a súa clausura en CCSS e da Comunicación. Foto: Jorge Lens

Cun programa integrado por oito proxeccións e a conferencia de clausura que impartiu o guionista Miguel Barros, a sétima edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal chegou na tarde deste mércores ao seu remate coa entrega de diplomas aos máis de 150 alumnos e alumnas que participaron nunha actividade formativa que lles permitiu achegarse a algunhas destacadas producións audiovisuais galegas nas verbas dos seus realizadores e realizadoras ou de integrantes dos seus equipos técnicos. “Contamos con películas importantes como Dhogs ou a curta Matria”, lembraba Paulino Pérez, coordinador xunto con Miguel Anxo Fernández e Fortunato Rodríguez dunha master class que conta co patrocinio da Agadic.

Seguinte | Última

1 de 344

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal